O salón do ocio por excelencia

Cristina López

LUGO

Paintball, rocódromo e tirolina son algunhas das novidades de Xuvenlugo, que terá ademais un espazo para bebés

17 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Con máis de dez mil metros cadrados de espazo expositivo, varios obradoiros e unha trintena de atraccións, Xuvenlugo será este Nadal o salón do ocio de referencia en Galicia. Así o cre o xerente do Pazo de Feiras, Rubén López, que onte presentou a nova edición, na que destacan novidades coma o paintball, o rocódromo, a tirolina e os karts profesionais, ademais de dedicar por primeira vez unha zona específica para os nenos e nenas de cero a tres anos.

López estivo acompañado polo vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, quen salientou que en tempos de crise coma os actuais debe ser maior o esforzo para facer posible que o recinto feiral lucense poida seguir ofrecendo as actividades culturais, deportivas e de ocio que se enmarcan en Xuvenlugo e que propician o lecer vacacional das familias. Por iso a Vicepresidencia Primeira colaborou economicamente para que este salón se celebre e para que o Pazo de Feiras se siga mantendo activo.

Como explicou Rubén López, esta edición de Xuvenlugo terá tres espazos claramente diferenciados.

O tren da bruxa, o saltamontes, as camas elásticas, o toro mecánico, os coches de choque ou os inchables serán algunhas das diversións das que os asistentes poderán disfrutar nesta zona. Obradoiros. Aos de videoxogos, globoflexia, pinturas e maquillaxe e caracterización, engádese este ano un taller centrado no Camiño de Santiago, que constará de catro xogos diferentes. En canto ao espazo infantil, disporá de actividades de animación á lectura, contacontos, cancións e xogos de psicomotricidade. Multiaventura. Para que os máis aventureiros participen na pista de minigolf, no paintball, no rocódromo, na pista de slot, na tirolina, no columpio de cordas extensibles ou na pista de karting, que nesta edición contará cunha pista infantil e outra para adultos, con karts profesionais que acadan maior velocidade.

Os que acudan a esta edición de Xuvenlugo terán o día de Nadal unha visita moi especial: a do Apalpador, figura tradicional destas datas na serra luguesa.