A Asociación de Brigadistas de Galicia leva a cabo unha campaña para enviar velocípedos á poboación da illa
29 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Asociación de Brigadistas de Galicia (Abriga) promove en Lugo unha campaña de recollida de bicicletas usadas para enviar a Cuba. O colectivo, que traballa «pola cooperación e a solidariedade internacional entre pobos», recolle vehículos en bo estado e materiais que poden ser reciclados (bombíns, cámaras, rodas...), como destacou onte o seu presidente, Carlos Castro Vázquez.
A iniciativa xurdiu pola estreita vinculación que teñen coa illa caribeña membros de Abriga, que naceu en Lugo no 2006 e conta na actualidade cuns 15 socios e colaboradores de Galicia e Cataluña. «Na última visita que fixo un dos brigadistas, o pobo cubano plantexoulle que lle urxía a recollida de bicis», sostivo Castro. Segundo afirmou, en 2008 Abriga desenvolveu unha campaña de recollida de material deportivo, informático e escolar na que reuniu ao redor de 4,5 toneladas. «O ano pasado tamén pediron material de construción, despois da época dos furacáns», dixo.
Abriga enviará o recollido a Cuba a través da asociación asturiana Cien por cien cubano, relacionada co consulado de Cuba no norte de España o goberno da illa. A campaña rematará o vindeiro mes de xuño. O colectivo dispón dunha furgoneta para recoller o material. «Facemos un seguimento fotográfico, polo se pode estar segura de que o material chega ao punto de destino», indicou o responsable de Abriga. «Se alguén quere doala para Matanzas, para Pinar del Río, Camagüey..., pode; asegurámoslle que irá a ese destino», asegurou.
Ruta o sábado
A campaña presentarase este sábado cunha ruta solidaria en bici que partirá ás 12.30 horas da Praza Maior. Colaborará, entre outros, a Masa Crítica de Lugo.