«Hai tanta demanda de axuda en Lugo que en Cáritas temos que dar citas previas»

LUGO

Plaza subliña que hai moitas parellas no paro con fillos que «se comen non poden pagar a hipoteca, e se a pagan, non poden comer»

07 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O paro e a falta de perspectivas laborais están poñendo en situacións límite ás miles de persoas que piden axuda. Diante deste panorama, o novo director de Cáritas Diocesana en Lugo, Ginés Plaza, subliña que neste momento «o máis importante é levar a efecto os proxectos que están en marcha». -¿Que papel xoga neste momento a entidade que dirixe? -Cáritas é moi importante nos días que vivimos, nos que hai tantas dificultades, porque unha cousa é dicilo e outra vivilo. Hoxe hai tanta demanda de axuda que nos programas de familias en desvantaxe, inmigrantes e emprego mesmo temos que dar citas previas para que a xente non estea esperando horas antes de ser atendida. -¿A poboación inmigrante é a que máis sofre a crise? -É tremendo. Ves familias marroquís, e tamén sudamericanas, que viñeron a Lugo como en tempos emigraron os galegos. Todos temos xente que emigrou. Eles viñeron aquí e, en canto se colocaron e puideron, reunificaron a familia: trouxeron á muller e aos pequenos. Moitos homes andaban na construción, traballaban en precario, e quedaron sen emprego. Na maioría dos casos as mulleres traballaban facendo labores do fogar, porque non teñen cualificación, e agora, coas dificultades económicas, a xente prescinde do servizo doméstico, e iso afecta moito. -Ata non hai moito os inmigrantes eran os principais usuarios de Cáritas... -Si, pero agora témolos a eles e máis aos de aquí. Cada vez é máis frecuente que recorra a nós xente natural da diocese. Ata os xitanos teñen competencia na chatarra. Ao parecer hai menos e a que hai páganllela menos. -¿Como afronta o programa de emprego tal cantidade de demandas? -Ese é outro problema. Ata mediados do 2008 había certa facilidade para ir conseguindo algún tipo de traballo. A xente viña a Cáritas, facíaselles unha entrevista para ver as súas circunstancias familiares, as súas aspiracións... Moitas empresas dicíannos os postos que precisaban e iámoslles atopando unha saída, pero agora hai moitas menos ofertas e moita máis necesidade. E á vez as empresas tamén teñen dificultades. A maior traxedia que se vive agora é que queda a xente sen traballo e non hai perspectivas de encontralo. -Ademais da falta de emprego, ¿que outros problemas hai? -Os principais teñen que ver co pago de recibos da vivenda. Moita xente non ten para pagar a hipoteca, o aluguer, a luz, a auga... Tamén solicitan axudas para alimentación, pero menos, e de apoio psicolóxico de menores e de adultos, por depresións, ansiedade... Aumentan os conflitos familiares. Pero o principal é ter traballo. Se tes traballo, tes ingresos, e se tes ingresos, podes facer fronte á vida. -¿Cal é o caso máis habitual? -Hai moitos matrimonios con nenos, nos que os dous membros da parella gañaban un soldo digno, pero mínimo. Moitos metéronse a algunha cousa, como un piso, pero agora un dos dous quedou sen traballo. E aí veñen todos os problemas. Se comen, non poden pagar a hipoteca, e se pagan a hipoteca, non poden comer. -¿Conseguen axudar a todo o que demanda apoio? -¡Que máis quixeramos que poder axudar economicamente a todos! Pero temos tantas necesidades e estamos moi limitados nas prestacións. Ao haber tanta demanda, hai que establecer prioridades, e ver quen ten maior necesidade... Deberiamos ser un banco sen intereses. -Unha papeleta difícil... -A traxedia dunha persoa pódese comprender ata certo punto, porque para comprendela de todo habería que meterse na súa pel e iso é imposible. Pero hai que tratar de poñerse na situación dos demais. Moitas veces non nos damos conta de que no noso entorno hai xente que o pode estar pasando moi mal. É unha traxedia tremenda, e mesmo lles poderiamos axudar, pero en moitos casos non o sabemos. Cáritas non é so isto. As parroquias son os nosos brazos, os que están máis achegados ao pobo, porque aquí enterámonos máis ben da xente que vén a nós.