Aprendendo cos maiores

C. López

LUGO

O sábado darán comezo en Xermade as Xornadas interxeracionais, con Taramundi como concello invitado

27 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O profesor e vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, Jesús Rodríguez Rodríguez, e a asociación de veciños de Cabreiros, en Xermade, promoven unha nova edición das Xornadas interxeracionaris rurais, que se desenvolverán neste concello lucense ao longo de tres sábados consecutivos, arrancando este vindeiro.

Aprendendo dos nosos maiores é o lema que resume esta iniciativa, coa que os seus organizadores pretenden configurar un espazo de reflexión e debate para as persoas maiores do citado municipio, que poderán asistir a toda unha serie de charlas, visitas e actividades culturais.

Pero este non é un encontro só para xente maior, senón que tamén está aberto aos máis novos. De feito, o propósito das xornadas é que sirvan para o intercambio de experiencias por parte de ambos. Ademais, aos universitarios -tanto da Universidade da Coruña como da de Santiago- que participen neste encontro seralles recoñecido como un crédito de libre configuración, sendo hoxe o último día para formalizar a matrícula.

Nesta edición, a quinta, o municipio convidado será o asturiano de Taramundi. Os veciños deste concello manterán este sábado un encontro coas xentes de Xermade. A súa chegada está prevista para as dez e media da mañá e ás once terá lugar a recepción oficial, que continuará cunha benvida musical a cargo do grupo Axóuxere, da localidade xermadina de Roupar.

Logo dunha charla que servirá para presentar a programación cultural dos dous citados concellos, proxectarase un vídeo que leva por título «O toxo na nosa cultura» e que dará paso ao xantar de confraternidade. Para poñer fin a este primeiro día desta nova edición das xornadas interxeracionais pola tarde celebrase a festa da roza e tamén haberá unha recreación dos xeitos de vida tradicional de Taramundi.

As vindeiras sesións terán lugar o 6 e 13 de xuño. O primeiro destes días, o xinecólogo Arturo Núñez falará da saúde da muller a partir da menopausia; o escritor Antonio Reigosa disertará sobre lendas e mitos da Terra Chá e o notario Jesús Basanta pronunciará unha conferencia sobre os dereitos de sucesión e o banco de terras. Ademais presentarase un libros sobre roteiros pola comarca chairega e representarase unha obra de teatro.

O último día das xornadas haberá unha visita a As Pontes, aínda que antes terá lugar unha charla na que o director dese complexo mineiro, Francisco Arechaga, falará do pasado, presente e futuro de Endesa. Como punto final celebrarase unha sesións de xogos tradicionais e populares chairegos.