«Está o perigo do 'efecto avó' de mercarlle ao neno o coche»

I. E.

LUGO

Prieto pensa que o que máis falla é a educación dos pais, non o mal comportamento dos rapaces

25 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O responsable da Policía Local de Foz comparte co seu compañeiro da Policía Local de Viveiro a sensación de que tras do efecto inicial que tivo o endurecemento das leis, de cortar o consumo de alcohol nos condutores, volven de novo a aumentar os casos; opina que houbo un momento de gran responsabilidade, pero estase perdendo: «A xente, a medida que lle vai pasando o medo ás multas ou ás mortes, volve a caer a mesma dinámica de beber ou de correr.

-Cál é logo o problema?

-Para min o que falla é a educación dos pais, non o mal comportamento dos nenos. Nestes días de eleccións que estiveron en Foz, acompañando a Rajoy e Rubalcaba, corpos de seguridade de Madrid me comentaron que lles chamaba a atención a cantidade de rapaces noviños que tiñamos por aquí conducindo coches de gran cilindrada. Os pais teñen que ser conscientes do que se lle está dando ós nenos. ¿Que pasa nesta zona? Pois que está o perigo do 'efecto avó' de mercarlle ao neno o coche que quere e teñen 18 anos e levan coches de non sei cantos cabalos. A velocidade é outro gran problema.

-¿E a solución?

-Eu volvo a centralo na educación vial e tamén faría un chamamento ós políticos que temos. Facemos leis e logo pretendemos que se cumpran fóra dos nosos perímetros de influencia, non no noso. ¿Por que en algúns sitios non se tramita a retirada de puntos? ¿Por qué hai políticos que non lles poñen ás policías locais os medios para facer cumprir a lei? ¡Ollo, que en Foz estanse tramitando!

-¿Observa máis problemas que lle chamen a atención?

-Dende maio de 2008 que se aplicou a lei de quitar o carné me chama a atención a cantidade de xente que hai xa nos nosos pobos sen carné, xente de 30, 40 ou 60 anos, e xente que conduciu toda a vida sen carné e tamén o grupo grande de coches que andan circulando sen seguro. ¿Por qué a Administración non sanciona de oficio a quen está sen seguro? Sendo como é algo ilegal, non se arbitra a forma de sancionar de oficio e nos casos do seguro si se pode, non é como conducir sen carné, que de oficio non podes multar a ninguén, ten que parar a ese condutor a policía ou hai que ter evidencias de que se está producindo este feito.

-Os remedios para por solución son logo diversos

-Eu entendo que é unha responsabilidade multisectorial; os pais, a educación da sociedade, os medios da policía e a educación vial; copiar dos países, como Suecia ou Suíza que teñen unha taxa de mortes pouco superior a cincuenta por millóns de habitantes. É escandaloso que en Galicia subamos de 200 mortos por millón de habitantes; é moito, algo falla. E ir á lexislación comparada. Como dicía o catedrático Montoro, non nos fai tanta falla vehículos intelixentes coma condutores intelixentes.