O Incio, Oincio e Onitiu

LUGO

Os filólogos aínda non averiguaron a orixe do nome do municipio, que antes se reducía a unha soa palabra

08 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que esta circunstancia é pouco coñecida a nivel popular, o nome do municipio do Incio é mencionado con frecuencia entre os investigadores da toponimia por ser un exemplo claro do que se coñece como topónimo con falso artigo. É dicir, segundo a documentación histórica, o antigo nome deste territorio era Oincio . En determinado momento, a primeira vocal interpretouse erradamente como se fose un artigo determinado e separouse do resto da palabra, pasando a escribirse como O Incio.

Este peculiar dato histórico e filolóxico foi sinalado recentemente no programa de TVG Ben falado , xunto con outros casos similares. Os especialistas indican que o que aconteceu co nome do Incio pasou tamén con outros topónimos galegos como A Grela (orixinalmente Agrela, diminutivo de agra ou grande extensión de cultivo), A Baña (antes Abaña), ou O Grove (antes Ogrove ou Ogrobe).

Polo que respecta ao nome do Incio, tanto se se escribe dunha forma ou doutra, non se pode dicir nada seguro sobre as súas orixes e o seu significado. Segundo explica o filólogo Xesús Ferro Ruibal, director do centro de investigacións humanísticas Ramón Piñeiro, «independentemente de como se escriba, é un topónimo non transparente, porque de momento ninguén logrou descifrar a súa etimoloxía e non sabemos o que pode significar». Nos documentos medievais, agrega, o topónimo é mencionado como Onitiu , unha voz de procedencia descoñecida da que ata agora non se pode afirmar se é de orixe prerromana, latina, xermánica ou doutro tipo.

Un caso sen estudar

Na extensa base de datos do Centro Ramón Piñeiro, segundo apunta Ferro Ruibal, «non figura ningún traballo ou estudo que se atrevese polo menos a aventurar algunha posible explicación sobre a orixe deste topónimo. Iso quere dicir que é un caso difícil e que ningún filólogo se atreveu aínda a intentar descifralo», engade. A única referencia sobre este topónimo que aparece na citada base de datos é un artigo publicado en 1942 polo erudito catalán Felipe Mateu, onde se apunta unha posible -pero nada segura- relación deste nome cunha inscrición achada nunha moeda antiga na que parece lerse a palabra Incieio .

En canto á maneira máis correcta de escribir hoxe en día o nome do municipio, Ferro opina que o mellor é deixalo como está. «Aínda que a forma etimoloxicamente máis correcta sería Oincio, a Comisión de Toponimia da Xunta xa decidiu que en casos como este é preferible manter a forma que foi consagrada polo uso», sinala. «Neste caso, a forma primitiva está esquecida e aínda que o 'o' inicial de Oincio non fose orixinalmente un artigo, a xente leva moito tempo pronunciándoo e escribíndoo como se realmente o fose», conclúe.