O presidente do CIS Madeira pechou onte a segunda edición do ciclo de charlas «Construción e Urbanismo»
13 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Francisco Pedras Saavedra, director do CIS Madeira, destacou onte en Lugo a relevancia da madeira na construción como materia prima innovadora, eficiente, funcional e sustentable. Pedras foi o encargado de pechar o ciclo Construción e Urbanismo, organizado polo Grupo Vilares e o Colexio de Arquitectos de Lugo, en colaboración coas consellerías de Vivenda e de Medio Ambiente. A intervención do director do CIS Madeira centrouse na madeira como material innovador e base sostible na construción, tanto en obra nova como en rehabilitación.
Francisco Pedras referiuse á eficiencia enerxética como unha das principais vantaxes da madeira fronte a outros materiais construtivos. Segundo sinalou «ao tratarse dun recurso que provén da natureza, no seu proceso de transformación e posta en obra require catro veces menos enerxía que o formigón e sesenta veces menos que o aceiro, o que reduce as emisións de CO2». Neste sentido sinalou tamén que, o feito de ser Galicia a principal potencia forestal do Estado converte a madeira nunha materia prima próxima, o que reduce os custos enerxéticos do seu traslado.
O director do CIS Madeira referiuse ademais á capacidade da madeira de reter por cada metro cúbico unha tonelada de dióxido de carbono, que permanece mesmo na súa reutilización, fronte a outros materiais que incrementan o consumo de CO2 no caso de seren reciclados para outros usos.
Aforro enerxético
Entre as propiedades da madeira, Francisco Pedras destacou a de ser un bo illante térmico, xa que, debido á súa estrutura celular, é un material cunha condutividade térmica moi baixa. En comparación co formigón e o aceiro presenta características de illamento térmico moi superiores. «Este feito favorece o aforro enerxético e a ausencia de condensacións na superficie interna de pechamentos de exterior». Así mesmo, o director do CIS Madeira resaltou a capacidade deste material para intercambiar humidade co aire, contribuíndo a equilibrar o ambiente das estancias nas que se emprega.
Ademais de expoñer o ciclo, as características e os motivos que fan da madeira un material sostible e altamente resistente, Francisco Pedras Saavedra presentou algúns proxectos nos que se podía observar a aplicación da madeira, tanto en obra nova -civil e rural- como en rehabilitacións. A conferencia foi presentada por José Luis Villasante, xerente da Fundación para o fomento da calidade industrial e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, da que depende o CIS Madeira.