A orixe do moderno Concello de Sarria

Xaime López Arias

LUGO

11 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Xustiza e Rexemento da Vila de Sarria ata preto de 1730 reuníase para o goberno da xurisdición na antiga Forteza, mais cando esta se deteriorou (estivo en pe ata 1860), ocuparon en precario o Hospital, e amparados na súa condición de patróns da obra pía dos hospitais de Santo Antón Abade e San Lázaro, tomaron para eles a mellor sala desta institución onde levaron adiante as funcións xudiciais e administrativas. Ao ser desamortizado o hospital, mediando cecais o paripé de compra a un terceiro, pasou a ser casa do Concello, compartindo espazos coa escola pública e máis co cárcere. A situación durou ata 1920 cando os concelleiros manifestaron a súa vontade de abandono da casa número 1 da rúa Maior.

Falecida dona Concepción Ulla Lois, e nomeada por herdeira a Orde da Mercede, fixéronse as oportunas xestións e os relixiosos estiveron de acordo en ceder a Casa Vaamonde, que fora do seu marido don Camilo García Baamonde, e tendo en conta que non había diñeiro nas arcas municipais, acordaron contar coa colaboración dos veciños.

Nas sesións de 4 de outubro e 9 de novembro da xunta municipal formada por concelleiros e maiores contribuíntes, deuse por boa a operación e foi aprobado un empréstito municipal con carácter aberto que permitiu adquirir a Casa Vaamonde, o número 14 da rúa Maior 1. O empréstito ascendeu a 35.000 pesetas.

Sinalaron como prazo de amortización 10 anos, principiando o 1 de xaneiro de 1922 para o que nos orzamentos se incluían as cantidades a tal fin destinadas. Comenzaron amortizando 35 obrigacións. Se a hora de solicitar obrigacións había un número elevado de peticións, repartiríanse por prorrata entre os interesados. Os títulos foron encargados aos talleres gráficos G. Castro, de Lugo.

Certamente, nun tempo con poucas facilidades, é de destacar que o Concello soubese comprometer aos veciños e así conseguir unha casa Consistorial digna, ampla e suficiente, que permitiu que o xulgado se situase na antiga casa do Concello, e que ambas oficinas pasasen a Casa Vaamonde co aforro dos alugueres das institucións xudiciais que lle correspondían ao Concello.

Dilatada no tempo a carga económica derivada da adquisición, nunha época de penuria, hai que destacar a decidida actuación dos munícipes, que dotaron a Sarria da primeira casa do Concello a este fin destinada, pois a vella casa do Hospital, malia aos arranxos de 1860, feitos na fronteira, nunca deixou de ser un caserón con mala distribución e unha planta baixa húmida e insalubre.