A concelleira nacionalista Paz Abraira cre que na tramitación do PXOM houbo moi poucas cousas das que se poida dicir que se fixeron ben. No seu estilo directo e pouco dado ás concesións afirma: «Todo o proceso ligado a este plan é un despropósito».
-¿Cales son, ao seu xuízo, algúns dos principais erros na tramitación da revisión do planeamento?
-Contratouse partindo dunha cartografía obsoleta. E iso é responsabilidade de quen fixo a contratación. Como consecuencia, o documento non reflexaba a realidade urbanística. A iso hai que sumar o descontrol no seguimento do traballo da empresa por parte do goberno local, especialmente polos responsables de Urbanismo en cada momento: Gómez Besteiro, Liñares e María Novo.
-Houbo un ampla exposición ao público...
-O PXOM que se expuxo ao público non foi revisado previamente polo goberno local. E así chegamos ata o esperpento final, cando xa estaba convocado o pleno para debatelo.