A Consellería de Medio Ambiente prevé terminar nun prazo aproximado de dous meses o plano de ordenación de recursos naturias (PORN) que servirá de base para a creación do parque natural do Courel. Unha vez elaborado este plano, será presentado aos veciños, aos concellos e ás asociacións das zonas afectadas, así como á comunidade científica, para que desde todos estes sectores poidan formularse todas as modificacións ou correccións que se consideren pertinentes.
O Goberno galego xa manifestou en varias ocasións a súa intención de consensuar ao máximo o proxecto, unha vontade que foi reiterada polo presidente Emilio Pérez Touriño na visita que efectou ao Courel o pasado domingo. Terminado este proceso, poderase tramitar a creación do novo espazo natural protexido. A elaboración do PORN do Courel arrastra unha considerable demora con respecto aos prazos previstos inicialmente por Medio Ambiente. En principio, pretendíase presentar este documento na primavera do 2007. O proxecto de creación dun parque natural propio para esta zona -separada da área dos Ancares- fora anunciado por primeira vez en agosto do 2005. A consellería non proporcionou moitas explicacións sobre as causas concretas deste retraso, que podería atribuirse ás complicacións surxidas no proceso de creación do parque dos Ancares e tamén ás dificultades técnicas debidas á existencia de explotacións pizarreiras na zona.
O retraso na tramitación do proxecto foi criticado repetidamente por grupos ecoloxistas e por diversas asociacións locais que defenden a creación do parque. Os representantes destes últimos colectivos opinan que o momento actual é o máis adecuado para que Medio Ambiente axilice o proxecto, dado que o rechazo que provoca entre unha parte dos veciños -segundo afirman- viuse bastante reducido nos últimos tempos.
«Non se vai conseguir que o 100% dos veciños estean a favor do parque natural, pero a idea de moita xente foi cambiando coa crise das pizarreiras e coa perspectiva de que o parque axude a crear postos de traballo», apunta Evaristo Méndez, presidente da asociación Fonte do Milagro. Da mesma opinión é Manuel Vázquez Torrón, presidente da asociación Serra do Courel, que agrupa a varias empresas de hostalería da zona: «Está claro que no Courel non hai unha situación de rechazo organizado ao parque natural como a que a que se está dando nos Ancares, que por outro lado é un rechazo irracional», afirma.
Tanto Vázquez como Méndez, por outro lado, cren que a excursión informativa organizada o pasado marzo por estas asociacións ao parque natural asturiano de Somiedo, no que participaron 64 veciños do Courel, axudou en boa medida a disipar temores e a aclarar ideas sobre estas zonas protexidas. «A xente puido ver que nun parque natural é posible desenvolver actividades como a gandería, que pode ser beneficioso para o turismo e que non supón unha chea de prohibicións de todo tipo, como algúns imaxinaban», comenta o presidente do Fonte do Milagro.
«Agora é cando sería máis necesario preocuparse por explicar ben á xente en que consiste o proxecto e os beneficios que pode traer o parque natural, para conseguir que a iniciativa teña un apoio social o máis amplo posible», engade.