Un cabaré científico sobre a saúde do planeta Terra

La Voz

LUGO

Unha das actividades da Semana da Ciencia 2008, e sen dúbida a máis singular, é o cabaré científico S.O.S. Planeta Terra. Este cabaré baséase nun formato que desenvolve en Galicia desde 1992 a compañía de teatro Chévere: a Ultranoite. O espectáculo consiste nunha representación escénica que combina varias expresións artísticas arredor do tema da ciencia e que vai destinada a un público adulto.

O cabaré científico S.O.S. Planeta Terra é en realidade un espectáculo híbrido no que participan artistas de diversas disciplinas: teatro, música, danza, maxia, malabares, vídeo..., que realizan todo tipo de números sobre o tema proposto, neste caso as ciencias da Terra. A partir de aí sucédense sobre o escenario todo tipo de números musicais e teatrais que utilizan a maxia, o circo, o mimo, a palabra e, sobre todo, o humor, a parodia e a irreverencia para comunicar ao público unha serie de temas con transfondo científico que afectan á saúde do planeta, para ben e para mal: o quecemento global, a reciclaxe, as enerxías renovables, o cambio climático, a biorremediación, a escaseza de auga, a pegada ecolóxica, a biocapacidade, etc.

O elenco de artistas que levan a cabo o espectáculo está formado por Manuel Cortés, Patricia de Lorenzo, Ron, Arantza Villar, Clara Gayo, Pepa Yáñez, Iria Pinheiro, Pablo Trasno, Fredi, Mago Romarís, Duelirium (Raquel, Merche) e César Goldi. Acompáñannos os músicos Xacobe Martínez Antelo (contrabaixo), Max Gómez (batería) e Manuel Cebrián (violín, guitarra); mentres que os vídeos son obra de José Luis Sierra Pilo.

Este espectáculo, que se puido ver en Santiago varios días desta semana, chegará ao auditorio municipal Gustavo Freire de Lugo o día 5 de decembro. A entrada é gratuíta.