No solemne anuncio do premiado estiveron presentes como é habitual o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o presidente da asociación Val de Láncara, Carlos López Sierra; o irmán de Ramón Piñeiro, Aníbal; o director do colexio que leva o nome do literato, Xurxo Rodríguez; e o representante da Unesco en Sarria, Jesús Vila.
Os méritos que reúne Avelino Pousa Antelo son moitos, pero como el mismo di nunha cronoloxía persoal na que comeza falando do seu nacemento en A Baña (A Coruña) en 1914, continúa cos seus recordos da mocidade, fala a continuación das súas inquedanzas galeguistas, repasa a súa presenza na peña do Bar Derby en Compostela, pasa pola ilusión do cambio e remata dicindo que «aquí estou, sendo galeguista, presidente da Fundación Castelao, secretario da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda ¡E tamén sendo vicepresidente da Fundación Wenceslao Fernández Flórez».