«Dina» prepara a diario a receita de arroz caldoso, un prato ante o que se renden ilustres personalidades e o detonante do bum turístico que sacode ao pobo de Rinlo
21 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O arroz caldoso de marisco que cociñan na Cofradía de Rinlo comparte unha semellanza coa enigmática Coca-Cola: Os seus ingredientes e a súa preparación foron os segredos mellor gardados durante anos. María Fernández Muruais, a quen todo o mundo coñece como Dina , velou por manter o misterio dunha receita de cociña que tivo máis éxito como reclamo turístico que moitas das campañas promocionais que as distintas administracións teñen feito para divulgar A Mariña.
Dina
descubriu parte do misterio do prato a finais de maio, cando a tapa de arroz logrou o premio á mellor variedade tradicional, unha distinción concedida polo Concello de Ribadeo dentro dunha nova edición da iniciativa Ribadeo de tapeo : «É unha satisfacción porque nunca levamos ningún premio».
A parte que queda por desvelar é o bo facer e a experiencia que dan máis de vinte anos na cociña, moitos dos cales compartiu coa súa filla Mari Carmen, finada, verdadeira creadora da receita que xa degustaron personalidades do mundo da crónica rosa, da televisión e ata da xudicatura.
Comensais ilustres
«Ao comedor da Cofradía viñeron comer o arroz Ortega Cano e tamén o xuíz Baltasar Garzón», lembra Dina , quen tamén cociñou recentemente para a televisiva Belinda Washington, quen aproveita os seus momentos de ocio para desfrutar da tranquilidade e das verdes paraxes de Trabada. «Éche moi clienta de aquí. O outro día cando acabou de comer veume saudar á cociña», confesa.
O traballo diario entre fogóns ten as súas satisfaccións: «Da moito gusto saír da cociña e ver que as mesas están cheas; no verán ven moitísima xente e dálles o mesmo comer na barra que no mostrador. Eles queren probar o famoso arroz caldoso».
Tirón
Proba do tirón que ten este prato entre os comensais galegos e os doutras partes de España e ata do estranxeiro, é o aproveitamento turístico e a maior dotación de servizos da hostalería que terá o pintoresco pobo de Rinlo. A oferta dos negocios de comidas complementouse recentemente coa apertura dun hotel, que non será, a curto prazo, o único lugar onde hospedarse.
Desde a confraría, antigo local de reunión do Cabildo, a cociñeira coopera co seu neto, Gerardo, na tarefa diaria dun negocio familiar, un restaurante ao que chega cada mañá disposta a seguir preparando o arroz caldoso de marisco, un prato que lle deu sona á localidade e que garda certo parecido co que se prepara no sur de Portugal. «¿Quen llo dixo a vostede? É verdade que ten un certo parecido, pero este é mellor porque leva lumbrigante, lagosta e boas cousas. Sabe mellor. Iso xa nolo dixo xente de Portugal».