Centros de ensino da capital luguesa lembraron a figura de Álvarez Blázquez cunha serie de actos que combinaron a literatura, a música e tamén o baile tradicional
17 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Os escolares dos centros de ensino lugueses celebraron onte dun xeito moi particular o Día das Letras Galegas e lembraron ao autor homenaxeado este ano, Xosé María Álvarez Blázquez, coas máis diversas actividades, que foron dende a lectura de poemas seus ata proxeccións sobre a súa vida e a súa obra.
No instituto Lucus Augusti da capital luguesa artellaron un festival literario-musical que contou cunha nutrida participación, tanto por parte do alumnado como das familias que acudiron a presenciar os actos. Alí puideron ver como grupos de estudantes, cada un co seu instrumento, interpretaban coñecidas pezas da música galega, desde as máis tradicionais ata as de formacións actuais como pode ser Luar na lubre.
A parte literaria do acto celebrado neste instituto correu a cargo do profesor deste centro Manuel Celso Matalobos, que presentou un traballo seu sobre Álvarez Blázquez, recollido no número oito da colección Cadernos de literatura galega na escola, que edita a Concellería de Educación. Neste traballo Matalobos fai un percorrido pola vida do autor homenaxeado, «unha vida de traballo e compromiso galeguista», e tamén pola súa obra literaria. Non esquece tampouco a faceta de editor e de investigador de Álvarez Blázquez. Completan esta publicación unha escolma de textos do autor homenaxeado neste 17 de maio e un bo feixe de fotografías, entre elas dúas que dan proba da presenza de Álvarez Blázquez en Lugo.
Tamén no colexio Fingoi se viviu con intensidade esta xornada, poñendo punto final a unha semana de actos do Día das Letras Galegas cunha homenaxe conxunta de todo o centro ao himno galego, celebrada no patio do colexio. Polo que respecta ao instituto das Mercedes, este día de celebración viviuse con actuacións dos grupos de baile galego do centro e de ballet do Conservatorio de danza. Tamén se entregaron premios.