Unha lingua sen complexos

Suso Varela suso.varela@lavoz.es

LUGO

15 may 2008 . Actualizado a las 03:29 h.

Sempre que se achega a semana do 17 de maio acordámonos das letras galegas, e en particular, da figura dun galego egrexio. Ao redor desa data se desenvolven numerosas actividades, sobre todo para nenos, que todos aplaudimos pero que deixan moitas veces a mágoa de porque non é diaria a festa das nosas letras. ¿Serán os nosos complexos?

Quen nunca os tivo é a cantante María do Ceo , que onte demostrou en Caixa Galicia o motivo da súa recoñecida sona como artista. Presentou, ante un aforo ateigado, os temas do seu último disco, Tan lonxe , onde volve a crear un traballo con sabor a fado e con elementos que fusionan as culturas galega e portuguesa. Aínda que o título fala da distancia, a sonoridade e as letras das cancións son coma unha viaxe desde o norte de Galicia ata Lisboa.

Seguimos falando de música, pero nesta ocasión relacionado coa poesía de Xosé María Álvarez Blázquez . O compositor Eloi Caldeiro impartiu onte unha charla no colexio de Casás, onde presentou os once poemas musicados dun deuvedé que coordinou. El mesmo atreveuse a recitar algúns dos versos do autor tudense. Exposición. Tamén no ensino especial lembran ás letras galegas, e así a Escola de Artes Aplicadas inaugurou unha mostra de carteis elaborados por alumnos de Vilagarcía. Pola tarde, o vello amigo Xesús Pablo González Moreiras fixo un breve relatorio da figura de Blázquez.