Un día do libro moi animado

C. López cristina.lopez@lavoz.es

LUGO

Por se alguén o esquecera, as librerías luguesas encargáronse onte de recordarlle á xente que se celebraba o Día do libro. E fixérono sacando os libros á rúa e instalando os seus postos na praza Maior, para que todos os que por alí pasasen puidesen comprobar que se un quere ler son moitas as posibilidades de facelo. Bastaba con botar unha ollada aos expositores das librerías alí instaladas para ver que a oferta é moi variada. Ademais, onte todos tiñan un dez por cento de desconto.

Como sobre gustos non hai nada escrito, haberá quen prefira os libros de centos de páxinas, pero tamén son moitos os que optan polos relatos breves. Hai incluso aqueles que para non ler utilizan a escusa do excesivo número de páxinas que teñen algúns libros. Pero mesmo estes podían atopar onte unha alternativa: os libros en miniatura, que Guido Muñoz ofrecía no seu pequeno posto, e que, cando menos, espertaban a curiosidade.

E para que ler sexa algo cotián ao longo das nosas vidas, nada mellor que empezar a facelo desde nenos. A eles ía dirixida unha das actividades programadas pola Biblioteca Provincial con motivo deste sinalado día. O grupo Duende Sico, coa actividade Tomasa, que che pasa , amosoulles aos escolares dos colexios Anexa, Rosalía de Castro, Illa Verde e o de Nadela a importancia dos libros.

Os escolares foron tamén protagonistas doutra das citas deste día: a lectura pública da obra magna de Miguel de Cervantes, El Quijote . Pola mañá foron moitos os alumnos que se achegaron ata a Praza Maior para ler parágrafos deste libro. Pola tarde fixeron o mesmo moitos cidadáns e algún político, como o alcalde, José López Orozco , a concelleira de Cultura, Concepción Burgo , e os edís populares, Enrique Rozas , Alicia Peña e Sofía López Linares . O día do libro en Cervantes. A profesora da Facultade de Humanidades M.ª Jesús Nogueira Pereira foi a encargada de pronunciar o pregón do Día do libro no Concello de Cervantes. A súa intervención, que levaba por título El Quijote en Castelao , estivo precedida da entrega de premios aos alumnos do colexio de Cervantes que resultaron gañadores do concurso de deseño de marcapáxinas conmemorativos desta data. O acto estivo presidido polo alcalde, Benigno Gómez , e contou coa presenza de varios delegados provinciais e de medio cento de persoas.