Grupos de sete universidades presentarán as súas coreografías a vindeira semana no campus e no Museo
11 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Grupos de Colombia, Francia, Portugal e España participarán no sexto Encontro Universitario de Danza Contemporánea, que se celebrará o mércores e o xoves da vindeira semana e que onte presentaron os representantes das cinco entidades que compoñen o convenio Lugo Cultural, xunto co director da Área de Cultura da Universidade de Santiago, Pablo Sampedro, e o coordinador do encontro e director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera.
Todos os grupos presentarán as súas coreografías na sala dos mosaicos do Museo Provincial. Ademais, o xoves ao mediodía, no vestíbulo da cafetería da Escola Politécnica Superior, cada unha destas formacións ofrecerá un pequeno extracto do seu espectáculo.
Talleres e debates
Máis alá da danza, este encontro concíbese como un espazo de convivencia e de intercambio de experiencias, no que os participantes terán outras actividades complementarias, como é o caso dos talleres de danza creativa e de improvisación, impartidos por Carlota Pérez e Eugenio Cueto. Tamén haberá tempo para o debate entre os bailaríns e os directores dos grupos de danza, que expoñerán as súas posturas acerca do camiño que vai seguir a danza universitaria. E para completar este intenso programa haberá unha visita guiada pola muralla de Lugo e polo centro histórico, así como unha demostración de parkour no auditorio do campus lucense.
Tanto Zahera como Elías Torres, vicerreitor de Cultura da Universidade de Santiago, salientaron na presentación que os grupos de danza universitaria son unha gran canteira de futuros bailaríns.