No sur da provincia consérvanse variados testemuños históricos da guerra napoleónica, cuxo bicentenario se conmemora este ano
20 feb 2008 . Actualizado a las 11:20 h.Nun muro do antigo comedor do pazo museo de Tor están expostas desde hai moito tempo dúas pezas que destacan polo seu singular valor histórico entre as diversas armas de fogo antigas que se conservan no edificio. «Cando veñen turistas franceses por aquí, o normal é que se disgusten un pouco ao saber a historia destas armas», explica Ánxeles Rivada, a guía do museo monfortino. E é que, segundo afirma a tradición da casa, o mosquete e o fusil pendurados no comedor -coñecidos como «as baionetas dos franceses»- foron arrebatados polos habitantes do pazo e outros veciños da parroquia a un grupo de soldados do exército napoleónico, despois de darlles morte nunha emboscada. Son, por tanto, unha das pegadas máis palpables que deixou en Monforte a guerra peninsular cuxo bicentenario se conmemora este ano.
As vellas armas de Tor -de acordo coa historia conservada oralmente ata hoxe no lugar- pertenceron orixinalmente a un puñado de soldados que saquearon o pazo nunha das ocasións en que o exército invasor ocupou Monforte. Os asaltantes incendiaron o edificio e causaron a ruína dunha parte da construción, o que deixou definitivamente convertido nun patio aberto o que ata ese momento fora un patio interior. Asaltaron tamén as adegas, vaciando unha grande cuba de 27.000 litros, e causaron outros destrozos. Foi quizá o probable estado de embriaguez derivado do seu paso pola adega o que facilitou que os veciños do lugar lles caesen enriba pouco despois e se desquitasen drasticamente do ataque recibido.
Tres asaltos
O suceso de Tor rexistrouse en 1809, o ano en que Galicia se viu máis directamente envolvida na guerra, coa entrada das tropas do célebre mariscal Soult. Monforte padeceu tres ataques das forzas invasoras, que se produciron respectivamente nos meses de xaneiro, abril e xuño. O primeiro deles limitouse a un simple cerco, xa que os atacantes non chegaron a entrar na cidade. Polo contrario, as outras dúas incursións -especialmente a segunda- causaron centenares de vítimas e grandes danos materiais, deixando fortes pegadas que se fixeron sentir durante moitos anos.