Un recorrido lúdico por Lugo buscará esta tarde unha masa de usuarios pedaleando sen malos fumes
31 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hoxe ás oito e cuarto da noite partirá de diante do Concello de Lugo a primeira bicicletada que se celebra na cidade, orientada como masa crítica para realizar un paseo colectivo e organizado. Pese á tradición do Día da Bicicleta de Radiovoz, que tódolos anos rexistra unha exitosa concurrencia, fronte ao exemplo que deron Antonio Gandoy, o cura da bicicleta, ou a utilización que lle dan Zita Méndez, Paco Pestana ou algúns universitarios, á bicicleta cústalle asentarse en Lugo como medio de transporte.
A Fundación Taller de Solidariedade trae non obstante esta nova iniciativa que, segundo di, celébrase cada mes en máis de 350 cidades de todo o mundo. «O nome de Masa Crítica xurdiu vendo o documental Return of the scorcher, de Ted White, onde se describían as normas de cruce das interseccións das grandes cidades chinesas: O tráfico para cruzar ten que agardar ate que acada unha masa crítica que lle permite meterse e frear o fluxo principal de tráfico que vese na obriga de parar ate alcanzar á súa vez a masa crítica suficiente para poder circular de novo».
«Animamos a toda a poboación a participar nesta bicicletada, para facernos visíbeis como un medio de transporte máis que circula polas nosas rúas. E formar un grupo estable para repetir esta actividade mensualmente, como xa está establecido noutras cidades de Galiza», indican dende a referida oenegé.
Entre as vilas e urbes que xa levan pedaleado tamén contra o cambio climático figuran, por exemplo, Ourense, Ponteareas, A Coruña, Chantada, Vilagarcía de Arousa, Santiago de Compostela, Pontevedra ou Vigo, noutra campaña para reducir as emisións contaminantes polo tráfico motorizado.
Esta bicicletada tamén se fai baixo o lema «pedaleando sen malos fumes» A de hoxe en Lugo coincide coa segunda edición da que se celebra en Ferrol, partindo da praza do Cantón de Molíns. O vindeiro día 2 saíra da praza de María Pita a que se celebra na Coruña.
Os organizadores indican que a Masa Crítica é un acontecemento que non ten dirixentes. Segundo explican, ste movemento sobre as dúas rodas «comezou en San Francisco (EE. UU.) no ano 1992 a partires dunha xuntanza da Bike Coalition, Chris Carlsson propuxo que, posto que había moita xente pedaleando polo centro e que as condicións para facelo eran realemnte malas, por que non qudar unha vez ao mes, facernos visíbesis entre nós mesmos e ao resto da cidade e voltar á casa todos xuntos. A idea aceptouse rapidamente e na primeira quedada xuntáronse 60 usuarios de bicicletas e logo dun ano eran máis de 600.
O auxe do préstamo de bicicletas públicas tamén aconsella este tipo de actividades e orientación.