O proxecto de investigación do Paleolítico no sur lucense será reforzado este ano con actuacións máis prolongadas e cun incremento de persoal e medios técnicos
26 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O programa de investigación dos xacementos paleolíticos do sur lucense promovido pola Universidade de Santiago (USC) e iniciado na primavera do 2006 reforzarase durante este ano con actuacións máis prolongadas no tempo e cun maior número de participantes. O plano de actuación para os próximos meses está a ser deseñado estes días, pero os responsables xa puideron adiantar que as escavacións comezadas o último verán na cova de Valdavara, en Becerreá, durarán esta vez cerca dun mes, en lugar das dúas semanas que se lle dedicaron o pasado ano. Está previsto igualmente dedicar máis tempo e máis medios á exploración das cavernas da Serra do Courel e á busca de industrias paleolíticas na depresión de Lemos, se ben o calendario de actuacións aínda non está precisado.
A potenciación deste ambicioso proxecto científico vai ser posible -segundo indica o arqueólogo Arturo de Lombera, un dos coordinadores dos traballos de campo- grazas á axuda concedida o pasado ano polo Ministerio de Educación y Ciencia, de en torno a 45.000 euros, que comezou a facerse efectiva en outubro e que servirá para financiar os traballos ata o 2010. «Antes só contábamos cos nosos propios medios e coas axudas que nos daban concellos como o de Monforte, que servían basicamente para aloxar aos equipos de investigación durante as campañas de prospección e escavación», explica. «Agora seguiremos tendo ese apoio dos concellos e ademais, uns fondos importantes que nos permitirán ampliar os equipos de investigación, dedicar máis tempo ao estudo dos xacementos e profundizar no laboratorio as análisis dos materiais recollidos», agrega.
En primavera
Seguindo a pauta dos anteriores anos, a nova campaña de investigación comezará probablemente en abril no Val de Lemos, tomando Monforte como base de operacións. Falta por determinar se este ano se levarán a cabo as primeiras escavacións nesta zona, na que por agora só se recolleron na superficie do terreo -e en grandes cantidades- os artefactos paleolíticos desenterrados por causas naturais ou artificiais. «O que é seguro é que se realizarán sondaxes ou escavacións en Monforte, en lugares como Valverde ou As Lamas, nos que hai indicios de que poden existir xacementos importantes, pero todavía non se decidiu cando se fará ese traballo», sinala De Lombera. En calquera caso, os investigadores teñen aínda outras moitas tarefas pendentes nesta zona, dado que faltan por prospectar amplas áreas das depresións de Monforte e de Bóveda nas que hai posibilidades de encontrar ferramentas prehistóricas en superficie.
Un dos principais centros de interese dos científicos nesta nova etapa da investigación estará na mencionada cova de Becerreá -en realidade, trátase de dúas cavidades próximas-, considerada como un xacemento especialmente prometedor. Esta parte do traballo, baixo a dirección dos arqueólogos Susana Alonso e Manuel Vaquero, levarase a cabo en xullo. Durante o mes de agosto, por outro lado, continuará a exploración de diversas grutas do Courel.
O programa xestionado pola USC seguirá contando coa colaboración estreita dos científicos da universidade tarraconense Rovira i Virgili, unha institución que posúe unha grande experiencia na investigación do Paleolítico e que desempeña un papel de primeira fila no Proxecto Atapuerca. Algúns dos especialistas que investigan en terras lucenses traballan tamén nos célebres xacementos de Burgos.
Os promotores do proxecto, por outro lado esperan que as investigacións continúen relizándose con regularidade máis alá do 2010. As axudas económicas que poidan conseguirse máis adiante con este obxectivo dependerán en boa medida da importancia científica dos achados que se realicen na zona nos próximos tres anos.