O paradoxo do castigo que se aplicaba noutra época

La Voz

LUGO

«Parece moi raro que un home tan conservador e relixioso fora expulsado da súa cátedra», dixo o homenaxeado de Otero Pedrayo no seu discurso. Foron vinte anos nos que, tras a Guerra Civil, o polígrafo ourensán permaneceu no ostracismo, o que lle supuxo desengancharse da vangarda dos estudos sobre xeografía nos que estaba antes de que fose represaliado polo réxime franquista.

Francisco Río Barja sinalou que Otero Pedrayo foi esencialmente un literato, pero tamén un poeta e un historiador. Pero a súa ampla cultura foi o que lle condicionou a súa dedicación á xeografía, para a que tiña unhas especiais condicións, segundo o conferenciante. Dixo que, en primeiro lugar, era un gran observador das condicións naturais; ao mesmo tempo, tiña unha gran memoria e tamén era posuidor dunha «gran sensibilidade poética da xeografía».

Río Barja, que coñeceu moi ben ao intelectual ourensán, destacou toda a súa ampla bibliografía, mencionando libros moi significativos, pero destacou, no eido da disciplina que compartiron, Paisaxes e problemas xeográficos de Galicia, que foi un texto «de verdadeira vangarda e do mellor que se editou en España».

A segunda etapa profesional de Ramón Otero Pedrayo foi durante os anos 50 e 60, coa súa reposición na cátedra, pero a pesares diso «foi un paso moi triste para el, e foise retirando e acubillando en Trasalba».

Pola súa banda, o actual director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dixo que Francisco Río Barja foi «un digno continuador» de Otero Pedrayo no estudo da xeografía. Lembrou que o homenaxeado este ano deixou unha gran pegada no Instituto de Ciencias da Educación, sendo autor de estudos e textos fundamentais para a didáctica desta disciplina. Lembrou que tamén estivo como bolseiro do CSIC.