Dúbidas sobre a orixe de Sarria

Xaime López Arias

LUGO

A denominada Villa Santi Michaellis non tuvo ningunha relación con Sarria, xa que foi San Miguel da Costa ou San Miguel de Montán ao longo do tempo

04 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Durante moito tempo houbo a teima de encontrarlle un antecedente histórico a Vilanova de Sarria, e algúns investigadores deron en dicir que unha vila Sancti Michaellis que aparece no Códice Calixtino entre Triacastela e Barbadelo podía ser a Sarria primitiva. Apuntaban uns cara a capela de San Miguel (en Barbadelo) e outros cara a Vilasante (en Fontao), con evidente erro, porque a ermida de San Miguel de Riáticos estaba en terra do Páramo e a Vila Sante ven de unha Villa Sancii (Vila de Sancho) e non de un San Miguel.

Moitos anos atrás,, coñecido o contido do Tumbo de Samos, e tendo á vista unha escritura de 2 de novembro de 1068, na que figura a existencia dunha congregación relixiosa no Campo Testo, en Montán, baixo o patrocinio de San Miguel, publiquei no BOletín do Seminario de Estudos Sarriaos, a identificación da Villa Sancti Michellis, fixándoa en San Miguel de Montán. Hoxe a freguesía é coñecida como Santa María de Montán, pero a pervivencia do topónimo mantense vivo na denominación de Monte de San Miguel alí existente, e estivo viva en moitos itinerarios de peregrinos baixo a denominación de San Miguel da Costa ata o século XVIII. O Burgo de Montán do século XII, a Vila Sancti Michellis e San Miguel da Costa, e agora Montán a secas, son as denominacións que recibiu ese punto xacobeo.

Pola escritura de 2 de novembro de 1068 sabemos que o presbítero Riquila deixa os seus bens para o santo lugar de San Miguel e Santo André, cuxas reliquias estaban recónditas, na vila chamada Montán, onde chaman Campo Testo, para a igrexa e congregación que alí na vida santa persevere, todo o circuíto de esta vila, segundo xaz sen ningún outro herdeiro, a cuarta parte íntegra, tanto nas casas como nos casares, mesmo das maceiras e todas árbores, e desta vila de fora a metade íntegra, tanto das trigarizas como dos liñares e cortiñas, e destas maceiras e árbores que están fora do circuíto do casar por outras paraxes a metade íntegra.

Fixo pacto e testamento o dito Riquila presbítero na basílica e colación de San Miguel diante de Paio, presbítero, e de Pedro, Presbítero, e de Dídaco, presbítero, e da congregación de monxes de San Miguel, que estaba concorrente deixando tódalas súas cousas á dita igrexa, para remedio da súa ánima, e non só fixo doazón de toda canto tiña nesa vila, senón tamén da vila de fora, todo para o lugar de San Miguel, por onde a obtivera dos seus avós e parentes, estando comprendido dentro das estremas de Lousada de Caloine, por Quintela ata a Fonte de Estel, por onde lle chamaban Pena Corval ata a Fervenza de Toca e polo Carballo ata o Pando e polo Castro de San Fiz ata Gualari

Sancti Michaellis foi San Miguel da Costa ou Montán.