O Picasso de Siro en San Marcos

Lucía R. Insua lucia.rey@lavoz.es

LUGO

A obra de Siro López está de novo en Lugo. Onte á tardiña, o polifacético artista inaugurou a mostra «Desde Picasso», que ata o vindeiro 13 de outubro se pode visitar na sala de exposicións da Deputación. Un corenta óleos, témperas e ilustracións a tinta compoñen esta particular homenaxe que Siro rende ao célebre pintor nado en Málaga. Entre o público, atopábanse caras moi coñecidas do panorama lucense, como o artista Paco Pestana , co que o debuxante ferrolán se fundiu nunha emocionada aperta, ou o veterano xornalista de La Voz Rafael Vilaseca . Transformación dun retrato de Picasso. O debuxante comezou a súa intervención louvando a que considerou «unha sala de exposicións realmente espléndida», antes de dar a coñecer algunhas ideas sobre a mostra, que naceu no 2005 para conmemorar o 125 aniversario de Picasso. «Repasando a súa obra cubista, na que colle o rostro dun neno, dun touro, dun cabalo... para retorcelo e transformalo dunha maneira incrible, pregunteime por que non podía eu facer o mesmo a partir dun retrato seu», avanzou. A exposición complétase cunha selección de traballos propios nos que se recoñece a influencia que ten Picasso ao longo da traxectoria de Siro. O neno que descubriu a neve na muralla de Lugo. Tras dar as grazas á Deputación, o debuxante falou finalmente con orgullo do «importante vencello» que ten coa cidade, xa que o seu tío Siro, do que herdou o nome, vivía aquí. E recordou como veu a neve por primeira vez na muralla de Lugo «cando tiña 6 ou 7 anos». Tamén tivo unhas palabras para algúns do seus profesores lucenses, como Ánxel Fole , Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro . Membros da Deputación e ágape posterior. No apartado formal, foi o vicepresidente primeiro da institución provincial, Antón Bao , o encargado de presentar o acto, recordando a importancia do Siro «artista plástico, xornalista e investigador, aínda que o eido que máis o caracteriza é o de caricaturista en prensa». A vicepresidenta Lara Méndez e o deputado José María González Barcia tamén estiveron en primeira fila. Os que tampouco faltaron á cita foron a directora do Museo Provincial, Encarna Lago , o delegado da Consellería de Cultura, Juan José Molina , o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias , a concelleira de Lugo Paz Abraira ou a delegada da Vicepresidencia da Xunta, Branca Rodríguez Pazos , entre outros. Ao remate do acto, os xardíns do Pazo de San Marcos foron escenario dun pequeno ágape no que se animaron a participar mesmo os que apenas contemplaran os cadros dentro.