Unha exploración do Monforte do século XIX

LUGO

Axudar a reconstruír a estrutura social de Monforte na segunda metade do século XIX é obxectivo que se propón Xoán Carlos Díaz Rodríguez, un xove monfortino licenciado en historia que prepara un traballo de investigación para un máster que cursa actualmente na Universidade de Santiago. Desde hai un mes está a recoller datos que se conservan no arquivo do Concello e noutros lugares, facendo fronte á escasa documentación que ficou desa época.

Un dos problemas con que topou o investigador é que no Concello non se garda ningún padrón de habitantes anterior a 1889. Na actualidade está a transcribir o censo dese ano, cando o municipio contaba con 9.645 veciños. A pesar de non poder remontarse máis lonxe na recopilación de datos demográficos, Díaz considera que tal obstáculo está compensado en parte polo especial interese histórico que ofrece ese período. «Cando se fixo este censo, había seis anos que se inaugurara a estación ferroviaria e Monforte estaba entrando nun período de profunda transformación económica e social e nunha fase de crecemento demográfico acelerado que o levaría a ter ata 22.000 habitantes no ano 1940», sinala.

Transformación social

Na súa investigación, Díaz pretende esclarecer en que medida a influencia do ferrocarril estaba a transformar entón os diversos sectores económicos e favorecendo a aparición de novas industrias e empregos. Non obstante, o seu traballo aínda está nunha fase inicial e non chegou a ocuparse do do núcleo urbano. «De momento, o que estou vendo é a situación das parroquias, nas que a actividade dominante era evidentemente a agricultura. O censo indica que arredor do 95% dos veciños das áreas rurais do municipio eran labradores con pequenas propiedades, entre os que había tamén algúns xornaleiros», explica a este respecto.

O historiador puntualiza que para facerse unha idea máis exacta da situación económica de Monforte neses tempos farían falta outras fontes documentais que probablemente non se conservan. «Sería preciso consultar as matrículas industriais da época, é dicir, os rexistros dos impostos que pagaban os diferentes negocios, pero nos arquivos municipais non encontrei ningunha», laméntase. Díaz apunta por outra parte que nos arquivos históricos da capital da provincia tamén é posible encontrar algúns documentos que axudarán a coñecer mellor a realidade económica do municipio nese período.

O traballo que leva a cabo o investigador cubre unha etapa histórica sobre a que praticamente non se estudou nada. «Xa se realizaron algunhas investigacións semellantes a esta, pero que corresponden a períodos posteriores, do ano 1900 en diante. Eu ao principio quería estudar períodos máis antigos, pero iso sería moi complicado debido á falta de fontes documentais, así que tiven que quedarme en 1889», comenta Díaz.