A vida arredor do trigo tremesiño

Carlos Vázquez

LUGO

A rotación era un sistema habitual no campo que deu en caer no esquecemento inda que son moitos os expertos que falan das súas bondades para o cultivo

07 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Este foi un ano atípico no tocante á climatoloxía, de sempre un dos principais inimigos do labrego. Por esa causa, o cereal non tivo o tempo que precisa para secar e tamén debido a iso, aínda a estas alturas en moitas localidades hai leiras sen segar o trigo. Tamén a introdución das máquinas fixo retrasar este proceso da sega e posterior malla.

Antigamente, o campesiño deixaba o cereal nos medeiros e medas, llo sol facía o resto. Cando o labrego sementaba, tiña que escoller, como agora, entre botar semente de ciclo longo ou curto. O primeiro, grandal, bótase no outono, a primeiriños de novembro, e medraba paseniñamente ata o Santiago, namentres que o de ciclo curto ou tremesiño botábase en marzo ou abril e segábase no mes de agosto.

Cando se lles pregunta á xente maior por cal dous apostaban, a resposta é «para gustos». Din algúns que a conveniencia dun ou outro depende de do que se quixera conseguir, máis pan, xuntar palla ou manter ao gando.

Un dos problemas para os campesiños era que a planta de cereal medrara moito de xeito que coas choivas de primavera acabara deitado debido á altura e o peso excesivo da espiga. A isto chamábaselle «encamado». Esta situación vén de producirse nesta tempada, onde a forza das últimas tormentas estragou parte do que se albiscaba unha boa colleita.

Des que o trigo ou o pan cae, despois xa non se levanta e queda perdido na leira para proveito das aves que viron días peores, cando a gandería foi marxinando o cultivo de cereais en Galicia, unha terra menos produtora que outras, por exemplo a de Castela, malia que a nosa é de maior calidade.

Non era ningún engano

Con transcorrer dos anos, son moitos os usos tradicionais que se foron quedando canda a xente maior. Un deles é o sistema de rotación, algo de antigo que será moi válido de cara ao futuro. Así o recoñece Gabriel Rielo, agricultor ademais de profesor do Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Guísamo. Referíndose a este sistema de alternar cultivos, asegura que «o que facían os nosos avós non era ningún engano, senón algo moi acertado que non habería que perder».

Se algo se facía nos tempos pasados era coidar de que as terras, o monte e os arredores das leiras estiveran ceibes de malas herbas, silvas e toxos. Lonxe de abandonar os bens, a xente do campo sabía cómo aproveitar todo iso, ben facendo abono ou unha boa cama para o gando.