A Deputación axilizará as obras da vía entre Pedrafita e O Courel

La Voz

LUGO

O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, nunha visita que realizou o pasado martes aos municipios do Courel e Pedrafita do Cebreiro, comprometeuse a desbloquear e axilizar as obras de mellora que o organismo provincial está realizando desde hai catro anos na estrada que enlaza estas dúas zonas. Gómez Besteiro, ademais, anunciou que o trazado do vial será rectificado en varios lugares onde, segundo a Deputación, «tal e como está deseñado a día de hoxe, supón un perigo para a seguridade dos habitantes da zona». Estes puntos sitúanse en varias curvas localizadas nas proximidades de vivendas. O goberno provincial, indicou Gómez Besteiro, incrementará as cantidades destinadas ao financiamento destas obras nos seus próximos orzamentos e terá entre as súas prioridades a potenciación da zona. A axilización e rectificación das obras de mellora da estrada son consideradas de especial urxencia polos responsables da Deputación debido ás «importantes molestias» que están a causar aos habitantes da zona, segundo afirman. O atraso que están sufrindo os traballos -engaden- obrigando aos vecinos do norte do Courel a efectuar rodeos de dez quilómetros para desprazarse ao municipio veciño, xa que «a estrada é praticamente intransitable». Desde o 2003 As obras de mellora da estrada de Seoane a Hospital do Cebreiro -que ten unha lonxitude de 15,6 quilómetros- comezaron no 2003. Na actualidade están terminados tres tramos que foron iniciados no 2003 e no 2004. Outro tramo está aínda sen asfaltar e no resto do traxecto aínda non comezaron as obras. Nesta zona, un treito está pendente da disponibilidade dos terreos e outros dous teñen os proxectos redactados. Os traballos teñen provocado cortes prolongados do tráfico que xa foron motivos de queixa por parte do grupo socialista da Deputación e do BNG do Courel. A estrada é utilizada polos veciños da zona para acceder á A-6 e á capital da provincial. Cando o vial está pechado, vense obrigados a dar un rodeo por outra estrada que pasa pola localidade da Teixeira e que está sen asfaltar en boa parte do seu trazado.