O Palacio de Sober comeza a revivir

LUGO

A histórica construción está a ser obxecto de traballos de limpeza, desentullo e recuperación arqueolóxica, pasos previos á súa transformación nun hotel de luxo

16 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

MONFORTE | O antigo Palacio de Sober comeza a recobrar un aspecto que ninguén lembraba desde había moitos anos. Desde os inicios do verán, as obras de desentullo e limpeza do histórico edificio que será transformado nun hotel de cinco estrelas pola empresa Alvaher 98, mudaron substancialmente a visión das ruínas, antes cubertas en grande parte de maleza e edras. Esta primeira fase das obras de rehabilitación comprende tamén a recollida das numerosas pedras caídas da vetusta edificación, abandonada desde hai cerca dun século. Nas últimas semanas fóronse recuperando trozos de sillares, pavimentos, columnas, arcos, peitorís e outras pezas, que se depositan ordenadamente no terreo circundantes e que -cando é posible ou necesario- son convenientemente numeradas.

E é que a intención dos promotores da obra -recorda Manuel Viéitez, o arquitecto que dirixe o proxecto técnico- é reconstruír coa maior fidelidade posible o aspecto que tiña o palacio dos López de Lemos antes de caer no abandono e na ruína. Coa axuda dun arqueólogo estanse a identificar as partes históricas da construción, que en palabras de Viéitez é «un puzle de diversas épocas e estilos», co obxecto de levar a cabo esta reconstrución de forma rigurosa. Os exames realizados ata agora determinan que as seccións máis antigas que se conservan poden datar do século XII. No edificio identificáronse reformas, ampliacións e engadidos que se fixeron ata o século XIX.

A obra de restauración, comenta o arquitecto, farase de tal xeito que permita visualizar as etapas da historia do palacio, que será explotada como un dos seus principais atractivos cando o hotel estea en disposición de comezar a prestar servizo. «O que se pretende atraer é un tipo de turistas de alto poder adquisitivo e de nivel cultural elevado, que se interesan pola historia e o patrimonio. Un tipo de turismo ao que por agora non se lle prestou demasiada atención en Galicia», agrega Viéitez.

As obras propiamente ditas de construción do hotel comezarán en outubro e durarán en torno a 24 meses. Entre as operacións que será preciso realizar figura a reconstrución dunha das fachadas do edificio, parcialmente desmoronada, que foi desmontada para ser refeita na súa totalidade. Outra reconstrución é a dunha serie de grandes arcos de cantería do século XVIII.