| O |
11 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.A MODA do GPS nos coches ten o seu lado estúpido. Conectalo e ir pendente del para ir, por exemplo, de Lugo a Vilalba non ten moito sentido, especialmente para quen saiba ir perfectamente sen o cacharro en cuestión. Ao contrario, conleva moitos más riscos ir botándolle o ollo para saber se marca Rábade, Saavedra ou Gaibor, cousa que así será se non fuxiron do mapa. É posible que moitos condutores, só por presumir do trebello -que moitos automóbiles xa incorporan de serie-, vaian pendentes del incluso para ir ao supermercado. Estoutro día, cando estaba esperando a luz verde nun semáforo, as persoas que ían nun turismo que se puxo a carón do meu reclamaron a miña atención para o subministro de información. Estabamos na ronda das Mercedes, en Lugo, e preguntaban como se ía a Becerreá. Polo que contaron, resulta que viñan de A Coruña. Enchufaron o GPS e desentendéronse, pensando que o marabilloso aparato os colocaría sen máis esforzo no centro da vila da montaña lucense. Non foi así. Ao chegar a Lugo, o aparatiño sacounos da A-6 e meteunos pola ronda das Fontiñas. Cando se deron conta de que a cousa non podía ir moi ben, recurreron ao vello sistema de parar e preguntar que, aínda que moitas veces é complicado, non é doado que falle. É posible que o mapa do GPS estivese tan desactualizado que aínda non tivera o tramo de A-6 entre Lugo e Pedrafita.