TRIBUNA | O |
09 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.ENRIQUE Guitar Costa era hai trinta anos presidente do teleclub de Pambre, en Palas de Rei. Conseguiu construír un edificio social para o teleclub, que herdou a asociación de veciños, na que Enrique segue a traballar, con oitenta e seis anos, como un rapaz, desde A Coruña ou Pambre, que entrambos lugares vive. Capitaneando aos veciños, Enrique Guitar logrou acceso axeitado a Pambre, en discusión co propietario dos terreos, que pretendía pechalo ao público. Agora, leva trinta anos intentando que o castelo de Pambre poida ser visitado polos que alí acoden e atopan a porta pechada «a piedra y lodo». Porque Guitar Costa e os seus veciños saben que teñen dereito moral sobre a mellor conservada das fortalezas galegas e agardan do seu propietario que algún día se comporte como aquel venerable García Blanco, dono en tempos, que tiña abertas as portas do castelo para todos. Aínda non falei disto con Enrique Guitar Costa, pero sei que estará satisfeito se se confirma a nova de que o castelo abrirá ao público polo menos catro días ao mes. A Xunta non mercará nin expropiará o castelo, pero fará que se cumpra a normativa, xa que un Ben de Interese Cultural non pode estar pechado ao público permanentemente. Enrique será feliz cando o castelo poida ser visitado. E eu quedarei ben contento de que a súa teima de tantos anos (anterior en máis de dúas décadas ás reivindicacións actuais) teña un final feliz. E el que o vexa!