VALENTE | O |
27 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.DECEPCIONA e sorprende o chamado plan de reequilibrio territorial que presentou a Xunta. O primeiro porque, polo menos no caso da provincia de Lugo, non hai unha inversión diferente das que se xa se coñecían ata o de agora. Que se fale de estradas Nadela-Sarria, Meira-Baleira, A Fonsagradal-límite con Asturias; ou dun polígono industrial en Baamonde ou a estación biolóxica do Courel, cando xa hai tempo que estaban en marcha ou executadas, parece unha burla. De aí nace a sorpresa deste plan, que se esperaba máis ambicioso e con novidades, ademais de ofrece un modelo de desenvolvemento do rural que fora máis alá do asfalto de estradas e parques industriais, sempre necesarios. Se falamos neste termos, bótase de menos unha conexión viaria que una Parga con Palas de Rei, ou sexa, a unión da Autovía do Noroeste coa de Santiago. Pero onde máis adolece o plan é precisamente onde se xoga o futuro dun país: nas novas tecnoloxías, tanto no seu acceso como motor de desenvolvemento. Difícil que o rural galego teña un futuro moderno mentres a brecha tecnolóxica siga sendo a que é hoxe en día. Tamén é complicado mentres non haxa nunha provincia como Lugo unha ou dúas industrias (cunha forte carga de I+D+i) que fosen as impulsoras dese cambio revolucionario que necesita o interior deste país. Polo momento, haberá que quedarse cunha serie de obras necesarias pero que xa coñecíamos.