Doces de castañas do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LUGO

En directo Unha parella de emprendedores prepárase para comercializar alimentos elaborados con produtos locais baseados en receitas típicas da zona

26 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?ai poucos meses, dúas veciñas do Courel crearon unha pequena empresa para elaborar e comercializar tortas feitas con castañas do Courel. Para o próximo outono está prevista a definitiva posta en marcha doutra iniciativa empresarial baseada en produtos típicos da comarca. Neste caso trátase de fabricar e vender marmeladas de castaña, cereixa, arando e mora, así como castañas en xarope. A parella formada pola quiroguesa Verónica Núñez e o courelao Daniel Arza xa presentou estes produtos na Festa da Serra de Ferreirós e en diversas feiras, a fin de comprobar a posible resposta do público. O resultado, segundo afirman, foi moi positivo. Distribución Núñez e Arza proxectan distribuír os seus produtos -para os que xa solicitaron o selo de produción ecolóxica- en tendas de delicatessen de toda Galicia e tamén de Barcelona. Ao principio venderanse sobre todo nas casas de turismo rural do Courel, pero a parella pretende tamén abrir unha tenda especializada na zona. Cando a iniciativa comece a ser rendible, esperan dedicarse a ela de forma exclusiva e incluso contratar polo menos a un par de traballadores. Saídas profesionais «No Courel non hai hoxe máis saídas económicas que a pizarra ou a gandería, pero pensamos que se poden facer outras cousas», explica Verónica Núñez. Os produtos son elaborados artesanalmente, de acordo con receitas tradicionais do Courel. As castañas e as cereixas proceden das propiedades familiares e dalgúns veciños. Os froitos silvestres son colleitados no monte. Os dous emprendedores experimentan ademais con outro produto que consistiría nunha mestura de castañas e noces en xarope e estudan ao mesmo tempo comercializar castañas secas e en verde.