Crónica | Rehabilitación do patrimonio Patrimonio decidirá en xuño se autoriza a reconstrución do histórico edificio para transformalo nun hotel de luxo
19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.? Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellería de Cultura, decidirá a primeiros de xuño se autoriza o proxecto de restauración do Palacio de Sober e a súa transformación nun hotel de cinco estrelas. Este paso é o trámite máis importante que é preciso superar para poder construír o hotel, pero non o único, xa que aínda haberá que obter o visto e prace de Urbanismo, entre outras xestións. O arquitecto Manuel Viéitez, un dos responsables deste proxecto promovido pola empresa Alvaher 98, confía en que Patrimonio outorgue o permiso sen problemas. «Mentres elaborábamos o proxecto xa consultamos con Patrimonio o que pensábamos facer, a fin de irnos adaptando estritamente á normativa, de modo que supoño que non haberá moitos inconvenientes», comenta. «As xestións con Urbanismo son máis de trámite, pero poden resultar algo máis lentas», engade. Os promotores do proxecto esperan poder iniciar as obras de forma inmediata en canto dispoñan de todos as autorizacións necesarias. «Se todo vai moi ben no que se refire aos trámites, poderíamos comezar a traballar en xullo», apunta Viéitez. «A nosa intención é aproveitar todo o que poidamos o bo tempo para avanzar nas obras, porque a partir do outono, cando chova, xa será algo máis complicado traballar», agrega. A alcaldesa de Sober, Raquel Arias, sinala por outro lado que o Concello está axilizando ao máximo a tramitación municipal deste proxecto, coa intención de facilitar que as obras poidan comezar no prazo máis breve posible.