Os 25 anos do Muimenta

La Voz LA VOZ | LUGO

LUGO

Crónica | Celebración das vodas de prata dun club chairego

19 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O pobo de Muimenta, exemplo de unión cando se trata de sacar adiante calquera iniciativa, volcouse onte coa celebración do cuarto de século da S.D. Muimenta, do mesmo xeito que nos días previos se esforzou na organización dos actos que onte tiveron lugar nesta localidade do municipio de Cospeito. Os que participaron nesta celebración tiveron a oportunidade de volver ver xogar a algunhas das vellas glorias deste club, xa que pola maña disputáronse dous partidos que enfrontaron aos xogadores de antes de 1.981 cos do 81 ao 90, e aos deste ano ata o 2005 cos que forman parte do actual equipo. Xa pola tarde, unhas 400 persoas relacionadas coa S.D. Muimenta déronse cita no recinto feiral da Moexmu para asistir á comida de confraternidade, na que non faltaron nin o churrasco nin as filloas. Rematado o banquete chegou o momento de obsequiar aos diferentes presidentes que tivo o club: Perfecto Morán, José María Vallejo (xa falecido), Emilio García, Policarpo Díaz Seco, José Ángel Maseda, Javier Iglesias e Luis Sandamil. Na entrega destes obsequios participaron entre outros Eduardo Fernández Abel, xefe provincial de Deportes, e Armando Castosa, alcalde de Cospeito. A celebración continuou coa presentación dun libro no que se recolle a historia deste club. Esta obra é froito da recompilación de datos levada a cabo por José Manuel Darriba, Manuel Vila e Tino Rodríguez. A encargada de organizar toda esa información foi Mayte Corbelle, que na presentación fixo fincapé precisamente na unión dos veciños de Muimenta, que foron os que cederon o terreo para o campo de fútbol no que o equipo disputa os seus partidos. Houbo tamén unha mostra de fotos representativas destes 25 anos de historia do club chairego.