O día dos museos achegará actos a toda a rede provincial

La Voz C. LÓPEZ | LUGO

LUGO

As actividades centrais serán os vindeiros xoves, venres e sábado A programación inclúe visitas guiadas, actuacións musicais, teatro e varios agasallos

10 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Baixo o lema «Museos e Patrimonio Universal», os catro centros que forman parte da rede museística provincial acollerán a semana que vén unha serie de actividades para conmemorar o día internacional dos museos, con tres actos centrais previstos para o xoves, o venres e o sábado. Ás oito da tarde do vindeiro mércores, na sala de exposicións da Deputación Provincial terá lugar a inauguración da mostra de esculturas Pasmadiños e calados furasebes , de Juan Vila. O xoves, Día das Letras Galegas, o Museo Provincial abrirá as súas portas de once a dúas para acoller a actividade «Un museo cheo de libros». Así, os visitantes poderán atopar nas salas e levar para a súa casa un libro en galego. O 18, Día Internacional dos Museos, o Provincial estará aberto ininterrompidamente. Os visitantes máis novos recibirán como agasallo unha pizarra e os maiores unha lámina coa reprodución da fachada principal do edificio do museo. Ana Carreira exercerá de guía para dar a coñecer aos asistentes as salas, os personaxes e as aventuras onde se desenvolve o relato O pozo dos desexos , de Antonio Reigosa. Por outra banda, os clarinetistas Laura Alonso e Víctor González actuarán en distintas salas do museo. Ademais, a ilustradora Noemí López percorrerá algunhas salas do museo facendo bosquexos de distintas obras, que asinará e cos que agasallará aos visitantes máis novos. Finalmente, emitirase o documental Un viaje por Galicia , de Manuel Arís Torres. O día 19, co fin de desenvolver A noite dos museos, o Provincial ampliará o seu horario ata as once e media da noite. Representaranse as obras A cova da serpe e Catalina de Santiso e haberá un percorrido por varias salas seguindo os sons e as voces do grupo Sólo Voces. As citadas obras teatrais tamén serán representadas no Museo do Mar, no do Pazo de Tor e no de San Paio de Narla. Haberá autobuses gratis dende Lugo.