Reportaxe | A tradición segue viva na comarca da Ulloa José Rodríguez deixou o camión para ocuparse do muíño ao enfermar seu pai. Di que non é un traballo san pero que o fai para evitar que morra a tradición
05 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Tiña 41 anos cando deixou o camión e veuse para o muíño logo de que seu pai caera enfermo. José Rodríguez Fernández, que continúa solteiro, viuse obrigado a decidir entre deixar morrer un muíño antigo situado en Fente (Monterroso) ou seguir os pasos do avó e seu pai Fulgencio. «Andaba traballando nas estradas cun camión pero viñen para acó por non deixar morrer isto ao enfermar meu pai», di con resignación o muiñeiro da Graña. José é sabedor de que xa non chove como chovía nin a canle do río leva a auga que levaba antano, polo que durante o verán vese na obriga de parar a súa actividade. Aos seus 53 anos, o de Fente ten asumido ser un dos poucos que desenvolven este labor noutrora imprescindible. «É un traballo moi enfermo porque se traga moito po e iso no pode ser san», afirma José Rodríguez. Aínda así, en ningún momento deixa de atender aos dous muíños que traballan case que de sol a sol, dende as 7 da mañá ata as 9 da noite. Son moitas horas nas que o muiñeiro pode sacar arredor duns 20 ferrados de fariña que deposita en sacos. Un ferrado equivale a 14 quilos e con dous, segundo asegura o muiñeiro, poderíase facer unha fornada co sabor artesanal, algo que non vai canda o prezo, pois un cuartillo de ferrado son só 20 céntimos para o muiñeiro. E ha ser iso o que provoque a súa queixa: «Gañaba máis co camión». Se cadra faino coma unha filosofía de vida, algo que lle permite a José abandonar de xeito temporal o muíño e aproveitar a proximidade do río para ir a pescar algunha que outra troita. Tortas de millo e bo pan No muíño da Graña as arañeiras enfariñadas dan conta do paso do tempo. Aproveitando a auga do nacemento do río Ulla, conserva todo o seu aspecto secular amarrado á vellez da pedra erguida nun entorno arrodeado de abeneiros, carballos e castiñeiros. O muiñeiro sabe perfectamente que o éxito de obter unha boa fariña depende moito das moas. «Tróuxoas meu avó de Monforte e dan unha fariña moi branquiña que fai moi bo pan», sinala José Rodríguez. De todas formas recorda que «o gran canto máis seco veña, mellor se moe e antes se acaba». E se as moas son importantes non menos é sabelas picar, un traballo aprendido dos seus devanceiros convertido en mérito só atribuíble ao muiñeiro, que precisa a angrela para levantalas. E tamén ferreiro José segue empregando os dous muíños que hai na Graña. Tradicionalmente, explica, nun moíase para o gando e no outro sacábase a fariña coa que despois se cocía nas casas. A diferenza entre eles estriba en que o primeiro non conta coa peneira que si ten onde se bota o trigo, por iso é máis rápido. Baixo o mesmo teito do muíño, para o recordo queda aquí unha yunque que pertencera ao avó de José. «Meu avó moía, facía de ferreiro e mais el ferraba ás bestas e cabalos», sinala o muiñeiro.