Novos pasos cara á prehistoria

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LUGO

FOTOS: ALBERTO LÓPEZ

Reportaxe | Investigación arqueolóxica no Val de Lemos Os investigadores localizaron máis artefactos nas cercanías dun posible xacemento do Paleolítico Medio investigado por primeira vez o ano pasado

16 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NOVOS ACHADOS. Os arqueólogos catalogan os artefactos que foron encontrados onte pola mañá no lugar do Regueiral, moi preto dun xacemento que xa fora examinado na primavera do 2006 ?esde o pasado venres, o equipo científico que investiga os xacementos paleolíticos do sur lucense xa recolleu cerca de corenta artefactos en diversos puntos do Val de Lemos, que se suman aos 386 recolectados con anterioridade nesta área. Os notables resultados obtidos nos primeiros días da segunda campaña de prospección que promoven a Universidade de Santiago e o Proxecto Atapuerca víronse incrementados onte co achado dunha serie de pezas de especial interese. Estes materiais apareceron a escasa distancia dun xacemento que fora localizado o pasado ano no lugar do Regueiral -na parroquia de Chao do Fabeiro- e que se distingue por pertencer posiblemente ao Paleolítico Medio, unha etapa da prehistoria da que se coñecen moi poucos vestixios en Galicia. A maioría dos obxectos achados ata agora na comarca de Lemos parecen corresponder ao Paleolítico Inferior, unha época moi anterior a esta. Os novos obxectos encontrados no Regueiral -cerca dunha decena- presentan en principio unha tipoloxía similar aos que apareceron na mesma zona o ano pasado, pero é moi cedo para dicir se pode haber ou non unha conexión entre ambos achados. Os arqueólogos aínda non puideron examinar en detalle este conxunto de ferramentas, que foi localizado a unha distancia de entre douscentos e trescentos metros do lugar que fora estudado no 2006, e prefiren mostrarse cautos. «É interesante que aparezan máis artefactos nesa zona, pero non sabemos se poden ter algunha relación cos que encontramos antes», sinala a este respecto o arqueólogo Arturo de Lombera. «Nestas novas pezas non hai ningún trazo especialmente característico que permita adscribilas con seguridade ao Paleolítico Medio, pero tampouco hai nada que indique o contrario e en principio parecen mostrar coherencia cos outros materiais que encontramos anteriormente no Regueiral», agrega.