Crónica | Cando os carros non podían cantar O alcalde de Sarria en 1954, igual ca outros de distintos concellos de Galicia, emitiu un bando no que se obrigaba aos carros a ir perfectamente engraxados para non facer ruído
14 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.O alcalde de Sarria de 1954, e non foi caso único no país, dirixiu o 27 de marzo un atento oficio a tódolos pedáneos das parroquias rurais no que dicía: «Para xeral coñecemento dos veciños desa parroquia e co fin de evitar sancións que esta alcaldía se verá obrigada a impoñer en caso de desobediencia, fará saber aos meritados veciños que a partir desta data queda terminantemente prohibido entrar no casco urbano da vila con carros con eixes que non veñan perfectamente engraxados, para evitar o coñecido canto do carro tan incómodo e molesto, sobre todo en caso de enfermidade. Deus garde a vostede moitos anos . Sarria, 27 de marzo de 1954». Poñemos en cursiva o texto orixinal co que o alcalde quería reforzar a firmeza e xustificación dunha decisión tan prosaica. Prosaica si, e antipoética, pois tódolos nosos bardos populares galegos (véxase Manuel María) acharon a beleza no cantar do carro. ¿Cal podía ser a motivación que tiñan os alcaldes de Galicia (naqueles tempos de dedocracia) para obrigar aos labregos a que engraxasen ou desen xabón aos eixos daqueles ancestrais carros romanos?. É doado de comprender. Os alcaldes de Galicia que mandaban en pequenas vilas nun tempo no que a poboación era maioritariamente rural querían delimitar claramente os conceptos labrego-arcaico e vilego-modernidade, labrego-paifoco e vilego-fino. Ruídos ¿Como se podía consentir que os labregos entrasen trunfantes pola vila cando traían estrumes, patacas, herba ou axudaban nun carreto colectivo, amolando as finas orellas dos señoritos modernos? Se aínda se tratase dos ruídos modernos das motocicletas de motor de dous tempos ou do son producido polas camionetas a gasóxeno aínda aínda. Mais aqueles pesados carros de vacas que se demoraban no recorrido, non podían poñerlle aos vilegos diante dos ollos o que de atraso significaban. Daba igual que moitas veces eses carretos servisen para traer rendas ou froitos de partilla acaseirada, aquel molesto ruído metíase como unha trade nos miolos dos vilegos «sobre todo en caso de enfermidade», e as donceliñas, os patrucios e os nenos doentes da vila mesmo maxinarían que estaban no torno do dentista, e iso si, o Concello non podía permitir un incremento gratuíto da dor crónica e modernista dos vilegos. A cousa era seria. Esixía, desde logo, dun bando difundido nas taboíñas ex profeso instaladas na vila, e mandar 49 oficios a outros tantos pedáneos e despois o poñer a traballar aos gardas (Ferreiro, María Luisa, etcétera) que con celo extremado non deixaban pasar unha, e nada de apretar eixes, e veña a botar graxa, e en caso de desobediencia multa e a calar. A señardade me espanta, iso dicía o belo cantar de Manuel María cando falaba do seu cantareiro carro da Terra Chá. En Sarria non, en Sarria o cantar do carro espertaba os mellores sentimentos de modernidade do alcalde de turno, quen tratando de que as orellas dos veciños non sufrisen mandou enmudecer aos carros, só na vila, por certo, o que demostra que a xente da aldea non lles resultaba nin incómodo nin molesto, nin siquier en caso de enfermidade. A escape libre en motos metralleta andaban os motorizados pola vila, tocaban o pito os trens a altas horas da noite e os autos andaban a bocinazo vivo día e noite iso era moderno. Certamente os alcaldes da decocracia eran graciosos e tiñan un sentido do humor moi destacado. Non facían obras, todo andaba como andaban pero eso si prohibían o renxer, o ledo renxer dos carros e así ninguén lles ganaba a modernos. ¿Habería cecais algún que tamén prohibise o cri-cri dos grilos e o cantar da chicharra? Hai vai unha materia nova para a investigación histérica. Dido Histérica, non histórica.