Un Concello con moita historia

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

N.??G.

Crónica | O Burgo Novo de Triacastela A vila actual foi fundada polo monarca Alfonso IX de León e Galicia e estivo integrada nas cinco Pobras do Marquesado de Sarria. Xa existía na Idade Media

02 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

É cousa sabida que a Triacastela actual foi o Burgo Novo dos Vilanova de Triacastela, fundado por Alfonso IX de León e Galicia, e máis adiante chamada Pobra de Triacastela, integrada no conxunto das Cinco Pobras do Marquesado de Sarria. O nacemento do Burgo Novo levou aparellada a perda de importancia de Santa María de Triacastela, o Burgo de Triacastela, agora coñecida como Santa María da Vilabella, en oposición a vila nova, polo que ningunha xustificación ten que algúns fagan un híbrido Vilabella pois nada ten que ver coa beleza do lugar, senón coa primacía do tempo. En abril de 1228 o rei Alfonso IX cedeulle aos freires do Hospital de Xerusalén (sanxoanistas) unha igrexa en San Xoán de Barrio, na Terra de Trives, e recibiu unha igrexa en Triacastela Nova. Esta igrexa fixérana o prior e frades da Orde do Hospital «na poboación que fixen en Triacastela Nova». O máis probable é que esta igrexa sanxoanista fose diferente da que orixinariamente ocupou o solar da actual adicada a Santiago, e seguramente estiveses, se entendemos a toponimia menor (Airexe), na contorna das edificacións actuais do albergue de peregrinos. Camiño de Santiago Hai que salientar que se temos en conta esta circunstancia a presenza da Orde de San Xoán na nacente Vila Nova de Triacastela xustificaría a instalación hospitalaria que ao longo do camiño de Santiago en Galicia van ter os freires da Encomenda de Portomarín. En Triacastela seguiron mantendo esa presenza en Lamas ata o século XIX. O rei Alfonso IX reafirma así a súa vontade de facer unha vila real exenta de calquera outra xurisdición, apartando dela aos sanxoanistas aos que lles da a igrexa de Barrio Trives. Non hai dúbida de que a vila de Triacastela, o mesmo que sucedeu con Vilanova de Sarria, tivo orixe na decisión real, e só pasando séculos acabaría alcanzando estatus federal. O Burgo Novo de Triacastela ou Vila Nova de Triacastela era rexido por un concello, contaba con meiriño real e os vilegos eran chamados polo rei para concorrer nas súas obrigas e mesmo tiñan os seus representantes participación en Cortes. A escritura de doazón da antiga e desaparecida igrexa sanxoanista de Triacastela é pouco extensa, e non ofrece datos para situala con exactitude dentro do entramado dentro da nova poboación, e aínda hai que ter en conta o feito de que a actual Triacastela foi vila repartida, andando o tempo, entre parroquias (Santiago de Triacastela e San Breixo da Balsa) e xurisdicións distintas. No remate, despois da relación de bispos nos seus reinos, fala de que nese tempo o infante don Pedro era mordomo do señor rei, que don Rodrigo Fernández era tenente de León, Toro, Zamora, Estremadura, Traserra e a Limia, que don Fernando Gutiérrez era tenente da pértega de Santiago e que don Rodrigo Gomes era tenente de Monterroso, Montenegro e Trastamara. A escritura fíxoa da súa man o canceleiro real, Alfonso Petri. É coñecida esta doazón grazas á publicación pola Universidade de Santiago dunha documentada obra que recolle ampla documentación derredor das Encomendas de Portomarín. Quiroga e do Incio e A Broza, traballo moi meritorio que polo seu interese e merecente de recomendación lectora. O actual Concello de Triacastela, co seu primeiro antecedente en 1820, por razóns de equilibrio e configuración dos partidos xudiciais integrouse no século XIX nos partidos de Cruzul, As Nogais, O Cereixal e Becerreá, que con todos eses nomes foi coñecida esa xurisdición xudicial. Mais, na Idade Media, xa houbo un Concello de Triacastela.