Crónica | Exposición sobre Lanzós Unha mostra que recolle máis dun cento de fotos sobre esta parroquia vilalbesa ofrece ao espectador a posibilidade de descubrir ou de reencontrar trazos dun pasado aínda recente
15 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.«A esfenda e a demouca é en Febreiro./ Bótanse as patacas en Marzo raioleiro/ e seméntase tamén trigo marceiro». Son tres versos dun poema de Manuel María que describe os diferentes traballos da vida agraria. O poema aparece no libro Lanzós. Lembranzas doutros tempos: así eramos, así somos , que vén de editar o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) e que completa a exposición fotográfica que este colectivo dedica estes días á devandita parroquia vilalbesa. O libro e a exposición, aínda que non se describan como tales no poema do poeta que tanto citou á Terra Chá na súa obra, veñen ser case unha recolleita, estraño froito madurado cando as terras aínda non viron medrar as sementes do ano. Sen sacho, tractor ou abono, pero si con entusiamo e vontade, Sabela Figueira, Carme Pernas, Teresa Burgo e Isabel Pernas asumiron a tarefa de recuperar un pasado que uns viviron e que outros coñecen de oídas. «Os de onte e os de hoxe xuntos nesta mostra», dise no catálogo da exposición, que está aberta na casa da cultura de Vilalba dende o venres pasado ata o día 23. As imaxes, máis dun cento, percorren un mundo que en varias décadas do século pasado avanzou no tempo e no espazo moito máis do que fixera en varios centos de anos anteriores. A contacto con América e con Europa grazas á emigración, a chegada dos motores que substiuíron o son dos carros na comarca onde mesmo chegaran a ser materia poética -«Non canta na Chá ninguén/, por eso o meu carro canta», deixou escrito Manuel María e así se recolle no libro-, os equipos de fútbol -o Cotelo e o Adro-, as romaxes do verán e os tempos de baños na Coruña, os casamentos e os enterros son outros tantos trazos que aparecen na obra. O resultado semella un estado de ánimo despois de ter contactado con xente da parroquia que achegou as fotos: «Compartimos emocións con eles», di Carme Pernas.