O xerme da Sarria moderna

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

Crónica | Tendas e comercios no primeiro terzo do XIX O ferrocarril, novas estradas e o empuxe comercial de xentes de fora foron decisivos para a creación da vila. En 1753 apenas existía ningunha actividade comercial na comarca

24 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

En 1753 na vila de Sarria só se documenta a existencia de fornos, unha fábrica de velas de sebo, un estanco, unha carnicería e unha alabacería. O comercio non era sector forte nunha vila de fidalgos, rendistas e cargos públicos. En 1805, segundo unha simple nota que recolle as contribucións satisfeitas polo exercicio da actividade comercial con expresión nos nomes populares dos titulares, hai un total de 15 tendeiros con exercicio nas súas casas. As tendas eran pequenos espazos, normalmente cunha xanela cara o exterior (o tableiro) que presentaba unha superficie plana que facía de mostrador. O subministro conseguíase grazas ao labor dos maragatos que traían e levaban produtos (tecidos, ferraxe, arroz, aceite, papel sedado) desde Castela ou dos portos da costa. Era un comercio minorista nada especializado e con poucas transaccións porque a escaseza de diñeiro era grande e moitos daqueles fidalgos de medio ver completaban os seus ingresos cunha taberna ou cunha tenda. Os tendeiros, ordenados segundo a súa capacidade contributiva, proporcional ós seus movementos nos repartos feitos pola xustiza e rexemento da vila, aparecen relacionados por apelativos sinxelos e sen maior formalidade: Sebastián (40 reais), Cedrón (40), Monteagudo (40), Manuel da Branca (40), Santiago (40), Macía (40), Luis (40), Feixóo (30), Tomás (30), Bernardo (30), Taíde (30), Reboiro ( Novo (30), Vicente (15), Xoán Cana (10) e o outro Monteagudo (6). Tabernas O ramo das tabernas, por xunto pagaba 150 reais, 60 os fornos e outros 60 as panadeiras de Sarria, que tiñan moita sona porque saían as feira e romarías vendendo pan de moi boa calidade. Na xurisdición de Sarria só había a Feira do Quince, ou de Paradela, en Vilamaior, e a de San Lázaro (que era aneira) en Maside. Había mercado os domingos a carón de Santa Mariña, polo que a actividade comercial era escasa, e nas aldeas limitábase á existencia de tabernas e algún estanco de tabaco. Por un reparto fiscal de 1816 sabemos que as tabernas do partido de Froián pagaban 230 reais, as da Lobataira 200 (zona de Vilamaior), as de Sobre da Riba 100 (zona de Maside), a de Betote 40, as da Andaduría 180 (arredores de Sarria), a de Santo Alberte 60, a da Veiga 30, a as de Ferreiros 200. A difícil comunicación, polo crónico mal estado dos camiños, impedía a circulación dos produtos e só o feito de que houbeses moitos arrieiros (os de San Sadurniño de Froián eran os mais numerosos) permitía a chegada de mercancías. O rexemento da vila controlaba as medidas (varas, ferrados, cuartillos) coa obriga de presentalas para a comprobación e contraste, o que non impedía a práctica de subterfuxios e pequenas trampas e mesmo que particulares vendesen viño, ou comerciantes sen tributaren, razón pola que con frecuencia había denuncias contra eles e contra os tendeiros que por razón de medidas ou de baixa calidade do que vendían. Cando en 1855 se abre a estrada de Nadela a Valdeorras o emprego de carromatos vai permitir a chegada masiva de produtos foráneos, e así se vai a ver como se asenta na vila un elevado número de xentes doutras rexións que instalan grandes almacenes de produtos variados (Zaera, González), ao tempo que se adican tamén o comercio xentes da comarca como os Carreira, os Gayoso e os Sánchez (Vento). E con esa actividade comercial naceron O Mazadoiro, San Lázaro, Os Esqueredos, As Casetas. Estrada, ferrocarril e empuxe comercial de xentes de fora ergueron a Sarria moderna.