Crónica | Facendo a Sarria moderna A chegada do ferrocarril e a consolidación de varias estradas importantes supuxo a consolidación da vila como centro comercial e de servizo. Vivían nela 900 habitantes
10 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Trinta e cinco anos despois da construción da estrada de Nadela a Valdeorras e 10 despois da chegada do primeiro tren a Sarria, a vila empezaba a consolidarse como centro comercial e de servizos e, tento pouco espazo para a súa expansión, apareceron núcleos satélites nas parroquias rurais da contorna. A evolución construtiva e demográfica e ben palpable no censo de 1889. A Vila, que era a denominación do centro histórico tradicional e es engadidos, pasaron a ser considerados unha fráxil unidade cando en 1888 se acorde darlle nome ás rúas e prazas, perdendo as denominacións tradicionais. Vexamos como estaba distribuída a poboación na capitalidade municipal. Na rúa Maior (antiga rúa Principal) vivían 416 persoas que formaban 104 familias. Na Praza da Constitución residían 12 persoas membros de 3 familias. Na travesa dos Fornos había 19 persoas en 4 familias. Na travesa da Igrexa (antigo Calellón) estaban asentadas 23 persoas que compoñían 8 familias. No barrio da Ponte Ribeira (con orixe no século XII) vivían 17 persoas membros de 3 familias. Na Veiga de Abaixo (antiga aldea da Áspera) 7 persoas que compoñían unha soa familia e na Veiga de Arriba outras 4 persoas dunha familia. Apertura Coa apertura da estrada do Mazadoiro a Lamarrigueira a partir de 1860 apareceu o apéndice dos Esqueiredos, onde vivían 13 persoas que constituían 4 familias. Entre San Salvador e A Madalena déronlle o nome de Avenida da Feira, onde, ademais das casas de Batallón e Ferreiró, se alzaron algunha novas reunindo 33 veciños en 7 familias, estando o cárcere no mosteiro. Darredor da estrada de Valdeorras (bautizada como rúa Matías López e da Liberdade) xurdiron entre 1855 e 1890 varias edificacións. En Matías López había 91 persoas (21 familias) e na da Liberdade (Benigno Quiroga) vivían 59 persoas (16 familias). A estrada a Portomarín (1860) no seu primeiro treito ata a corga de Vales deu nacemento ao barrio da Duquesa, denominada en 1888 como rúa do Porvir, onde vivían 94 persoas membros de 23 familias. E finalmente co arranxo do camiño de Aranza ou de Corvelle xurde o barrio da Ponte Vella (agora zona da Ciguñeira) onde 30 persoas formaban 9 familias. A Vila máis as adxuncións reunían 864 habitante, aos que se engadían uns 16 soldados, polo que o censo recolle 900 habitantes, reunidos en 220 familias ou fogares. A influenza da vila fixo nacer novos núcleos nas parroquias rurais do arredor. Coa apertura da estrada de Valdeorras, e potenciado o seu desenvolvemento ca chegada do ferrocarril, xurdiu de nova planta, na parroquia de San Martiño de requeixo, o lugar do Mazadoiro, que xuntaba 95 persoas e 26 familias, e na estrada do Mazadoiro (treito entre Formigueiros e o río Celeiro), que era da parroquia de Maside había 16 persoas en 2 familias. A construción da estrada de Lamarregueira a Portomarín fixo nacer o barrio de San Lázaro, na parroquia de Maside, con 57 persoas e 14 familias. O ferrocarril trouxo o nacemento dun novo barrio, chamado da Estación, que era da parroquia de Maside e tiña 17 habitantes e 2 familias, todos eles ferroviarios. Pertencente dende antigo á parroquia de San Salvador de Vilar de Sarria, o barrio do Toleiro reunía 8 persoas en 3 familias. Resumindo, en 1890 a vila de Sarria, con 695 anos de antigüidade ás costas, reunía a 900 habitantes e nos barrios periféricos non integrados na vila, creados e consolidados entre 1855 e 1880, vivían 193 persoas. Considerábanse vilegos de dentro de a carón de 1.093 persoas. A remodelación parroquial acabou sumando para Sarria A Estación e a estrada do Mazadoiro (que foran de Maside) consolidando ademais a costa de Requeixo a ocupación de As Ínsuas Lama da Gándara. Así medrou Sarria no século XIX. Agora a vila ten 8.306 habitantes.