Unha etapa de moitas obras

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

BLANCO

Crónica | Alcaldes de Sarria, Manuel López-Vizcaíno Este rexedor foi dos que máis tempo se mantivo no seu posto, desde xuño de 1952 a febreiro de 1961. Creou varias rúas importantes na vila

06 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O falecemento de don José Gayoso Fernández (Marzán) o día 19 de xuño de 1952 deu lugar a que fose nomeado polo Gobernador Civil alcalde do Concello de Sarria don Manuel López Rodríguez, mestre nacional e tamén instrutor do Frente de Juventudes, que pola súa condición de alcalde pasou a ser tamén xefe local de FET y de las JONS. A súa alcaldía entre xuño de 1952 e 5 de febreiro de 1961 foi a segunda de máis duración no período 1936/65 tempo que se caracteriza polo feito da escasa duración de alcaldes, xuntas xestoras e concellos. Nese período foi secretario don Jesús Pérez Batallón López. Consolidado o sistema de representación orgánica por terzos (familiar, sindical e de asociacións) en 1958 o concello de Sarria, presidido por don Manuel López Rodríguez (máis adiante a familia pasaría a utilizar o apelido composto López-Vizcaíno) estaba formado polos seguintes concelleiros: Víctor Rodríguez López (médico e mestre de Santo André), Álvaro Rodríguez (médico), Iván González-Zaera López (empregado), Manuel González Vázquez (labrego), Eduardo Fernández López, Manuel Gutiérrez Vázquez (propietario), Pedro Viñas López (industrial), Emilio Zaera Gayoso (industrial), Jaime Armesto Montero (odontólogo), Marcelino Franco Guitián (químico) y José A. Landín Fontán (avogado e xefe de telégrafos). No período que vai da toma de posesión como alcalde en 1952 ata xullo de 1957, en tempos nos que os concellos carecían de medios e moitas veces había que contar coa participación dos veciños por medio da prestación persoal para alcanzar melloras, a xestión de don Manuel López-Vizcaíno e os concellos por el presididos presentan numerosas realizacións. Traballos Arranxo do matadoiro e edificación de lavadoiro do mesmo (1953), reconstrución de canles e plantación de árbores na rúa Matías López (1954), reconstrución de canles e arranxo de beirarrúas no Porvir (1954). Renovación e melloras no Concello e salón de actos (1955), reconstrución da rúa entre San Salvador e o convento (1955), plantación de árbores no campo da feira e construción de muros e dun edificio para báscula, reconstrución do camiño de Pedreira e dúas taxeas (1956), reconstrución da subida o murallón, calexón do Moreno, rúa Maior, subida do Porvir fronte a casa de Carrozas, arranxo da Corga do convento, reconstrución do camiño da igrexa en Fontao, e arranxos na carretera de Andión. Iniciativas Como iniciativas propias, Manuel López-Vizcaíno levou a cabo no seu mandato importantes obras tanto na propia vila de Sarria como no medio rural: construción da rúa Pedro Saco e plantación de árbores, canle de saneamento dende A Unión por Calvo Sotelo, Matías López e San Lázaro (hoxe José Antonio) ata o río Celeiro, construción da rúa José Antonio (1957), construcción de 50 vivendas de renda limitada (Casas Baratas na rúa Padre Severino Vega Cid), pontes da Veiga, Fafián e Betote, escolas de Betote e A Pinza, lavadoiro e fonte en Loureiro, xestión para o aumento na traída da auga desde Ortoá, rede distribuidora de dentro da vila de Sarria para o subministro das ditas augas cunha lonxitude aproximada de dos quilómetros e medio de recorrido (barrio da Ciguñeira, travesa da Marquesa Casa López ata o Sierra), instalación da auga na rúa Pedro Saco, barrio dos Esqueiredos e rúa Porvir, fontes nos barrios da Pedreira e Andión, instalación de augas dende o cruce da estación ata a casa Zaera e construción de Fontes en Biville e Tremeado.