As vacacións dos Reis Magos

LUGO

ARCO DA VELLA | O |

05 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

SUPOÑO que hoxe, día 6 de xaneiro, Melchor, Gaspar e Baltasar poderán respirar un pouco tranquilos. Non creo que perdesen a ilusión por un traballo que entre outras cousas se basea en dar algo de ilusión; e se algún opina que todo é un invento dominado polo consumismo, síntoo por el, pero creo que sofre unha sobredose de escepticismo que o pode levar ao desencanto. O que imaxino é que as súas maxestades de Oriente buscarán un pouco de acougo porque o seu traballo os deixará cansos. Non sei se o correo electrónico e os mensaxes por móbil farán máis doado o traballo de atender as peticións que antes lles chegaban por carta, nin se os nenos e os adultos de hoxe pedimos máis da conta. Pero o que se percibe é que a discreción dos reis -dos que nin sequera coñecemos as súas gargalladas, como ocorre, en cambio, con Papá Noel- non só non é moi compatible con algún discurso feito nun día tan afastado da política partidista como debera ser o de onte, senón que máis ben semella unha invitación a recibir carbón por parte dos cidadáns. Pero hoxe, por enriba de todo, que o roscón nos aproveite.