Crónica | Obradoiro de Lugopatrimonio A asociación dedicaralle conferencias e viaxes en xaneiro, e máis adiante mostrará detalles pouco vistos do barroco
20 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A asociación Lugopatrimonio iniciou en abril a súa actividade centrada no coñecemento e no fomento da afección polos monumentos e polo arte, accesible para calquera persoa. Dende entón os seus responsables e membros fixeron xa varias actividades, todas centradas en viaxes e na súa preparación. Agora pretenden ir máis aló, e onte deron a coñecer o programa do primeiro obradoiro sobre o románico, ao que seguirá outro dedicado ao barroco. Os detalles foron explicados nun acto celebrado na Galería Sargadelos. «Trátase de mostrar á xente mediante proxeccións, conferencias e viaxes, como se pode recoñecer o románico dun xeito didáctico e a un nivel baixo, que non quere dicir que non sexa profundo», manifestou o presidente da agrupación, Lois Diéguez. Na iniciativa colaboran a Consellería de Cultura e a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo O obradoiro consistirá en tres conferencias animadas, os días 12, 19 e 26 de xaneiro, que coinciden en venres, e saídas. O 12 será na Biblioteca, ás 19.30 horas, coa presentación. De seguido haberá unha proxección sobre o románico en Galicia, e unha conferencia de Anselmo López Carreira, que explicará que pasaba aquí nos séculos XI e XII. Falará do que era Galicia naquel intre e por que fixo unha aportación ao románico tan importante, singularizándonos o compostelán en todo o Camiño de Santiago e en Europa, segundo lembrou onte Lois Diéguez. O día 19, Alberte González, arquitecto con unha ampla experiencia en rehabilitacións de templos, explicará a arquitectura do románico e como se monta un edificio deste estilo, independentemente de que sexa relixioso ou civil. As explicacións serán ilustradas con proxeccións. O afirmado polo arquitecto será visto ao día seguinte con casos prácticos, mediante unha viaxe á Ribeira Sacra e a Portomarín. A saída será ás nove da mañá en autobús, para ver as igrexas de Eiré e das Bernardas, en Pantón, consideradas xoias do románico. Tras o xantar e un paseo pola zona, pola tarde serán visitadas as pinturas medievais de Seteventos e a igrexa de San Estevo de Ribas de Miño. O día 26 será Jaime Delgado quen explique na Biblioteca a iconografía decorativa do románico. O día 27 haberá outra visita ás dúas igrexas de Portomarín, ao pobo e ás pesqueiras, e a San Facundo. Pola tarde o grupo de cámara Moriatov dará un concerto en Portomarín. A inscrición, gratuíta, ata o 9 de xaneiro en lugopatrimonio.org, en Sargadelos, Trama ou na Biblioteca.