Crónica | O Nadal na alta montaña lucense
16 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O pasado, íntimo e festivo (¡xa contaminado!), está presente aínda nas persoas maiores, pero a piques de desaparecer. O presente segue as rotas do consumo e da evasión que lle marca a publicidade sen se preguntar que se celebra e por que. E o futuro, previsible. Vai ser o que os donos e manipuladores da globalización económica queiran. Ao Nadal actual non lle queda case nada da súa orixe e motivacións. En varias entregas imos tentar de desentrañar, ao través da historia, costumes e tradicións, a vida e riqueza interior que posúen os labregos e labregas da alta montaña. Unha comunidade especial que vive nunha simbiose e comuñón coa natureza, cos animais, coas persoas e con Deus. En perfecta harmonía. O ritmo venlle dado por dous ciclos: o das estacións que rexen sementeiras e colleitas (con lúa polo medio) e o que aporta o calendario litúrxico cos seus tempos fortes do Nadal e a Pascua e outras festas. Ollando cara ao ceo. Con conciencia de comunidade e de dependencia. Nestes tempos do consumo e das présas, é de lei recoñecerlles que souberan vivir e conservar os valores da sinxeleza, da paciencia, da calma, da sinceridade, da honradez, da acollida, do traballo... e mesmo da súa especial filosofía da vida. Polas súas semellanzas no pensar, vivir, en se organizar, divertirse e rezar, podemos unificar as zonas. Abonda con tirar unha liña norte/sur que partindo de A Fonsagrada, siga por Navia, Cervantes e Pedrafita co remate no Courel. Os cumes máis elevados destas serras orientais galegas están entre os 1.400/1.800 metros. A orografía, o clima e a súa fauna e flora son case iguais. Posúen a mesma cultura, costumes, traballos, atrancos e lecer. Tamén a fala dialectal propia pola boa convivencia cos veciños de Asturias e León. Para comprender a súa vida e a necesidade de xuntanzas (festas/feiras) cómpre lembrar datos: No 1900 triplicaban a poboación actual; no 1950, duplicábana. Sen estradas ou pistas, sen luz eléctrica até os anos 60/70. A maioría, sen escola. As aldeas grandes, illadas e coas casas cheas. O ámbito familiar e veciñal abondoso pero sen medios. A maioría das familias coa media de 6/8 fillos. Ao redor dun mesmo lume tres xeracións. A capitalidade do municipio lonxe. Lugo, para moitos, a dous días. A soidade e illamento (a necesidade) obrigounos a organizarse. Velaí os traballos colectivos: Os da casa, con axuda comunal para rogas, carretos, mallas, matanzas... e os comunitarios para quendas das veceiras, augas, muíños, camiños... Tempo e persoal dabondo. Por iso abondaban tabernas e xuntanzas, á noitiña, nunha cociña, curro ou palleira nas que se falaba de todo e non faltaban contos, romances e cantigas. Son os xa famosos fiandóns ou filandóns (de Pedrafita e do Courel) e as polavila da Fonsagrada, Navia e Cervantes. Cada tempo ten as súas festas nas capelas, parroquias e no ámbito supra parroquial. Subliñamos: o Nadal, o Antroido, a Coresma (cos calvarios cantados), a Semana Santa, as fogueiras do san Xoán, a de Santos, as das santas e santos das parroquias e as festas milagreiras da comarca.