Reportaxe | Unha singularidade onomástica Os municipios da comarca de Sarria son os primeiros de Galicia no que respecta á frecuencia deste apelido, segundo un recente estudo
25 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.PERSONAXE ILUSTRE. Rúa dedicada ao histórico industrial Matías López, un dos moitos sarriaos que levaron e levan este apelido ? importante presenza que ten o apelido López na comarca de Sarria é algo que non pasa facilmente desapercibido e hai incluso quen o considera como un dos sinais de identidade típicos da zona O programa Cartografía dos apelidos de Galicia , que acaba de realizar o Instituto da Lingua Galega (ILG), permite comprobar que a comarca ostenta o récord autonómico no que se refire á frecuencia deste apelido patronímico. Segundo os datos recollidos neste programa, o municipio de Paradela é o que conta cunha maior presenza porcentual do apelido López en toda Galicia: supón actualmente o 36,4% do total de apelidos rexistrados no concello. En segundo lugar sitúase O Páramo, cun 31,2%, e en terceiro, Sarria, cun 23,7%. Nos demais municipios da comarca sarriá, as porcentaxes son tamén moi elevadas, sempre por riba do 10% do total: Samos (19,4%), Láncara (17%), O Incio e Triacastela (12,5%) e O Corgo (10,4%). O fenómeno non é de estrañar se se ten en conta que a provincia de Lugo en conxunto destaca tamén pola elevada frecuencia deste apelido. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística, esta provincia está nos tres primeiros postos de España polo que respecta á porcentaxe sobre o total de apelidos: un 10,35%, só por detrás de Madrid (11,81%) e por diante de Barcelona (10,28%). Os datos recopilados polo Instituto da Linga Galega indican que o apelido López tamén é especialmente abundante noutros oito municipios lucenses, onde supera o 10% do total. É o caso do Saviñao (16,1%), Pedrafita do Cebreiro (13,8%), Portomarín (13,5%), Bóveda (13,2%), Navia de Suarna (12,7%), A Fonsagrada (11,7%), Negueira de Muñiz (11,2%) e O Courel (11,1%). En total, son corenta os municipios da provincia onde o apelido López representa máis do 5% do total. Nas demais provincias galegas, isto só sucede en catorce municipios.