Sete séculos de intensa historia

Xaime López Arias SARRIA

LUGO

BLANCO

Crónica | O comercio ao aire libre en Sarria Os sarriaos xa mercaban distintos produtos en postos ubicados nun mercado hai setecentos anos. A ubicación do lugar de venta cambiou en varias ocasións

07 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Poucas vilas poden levar a referencia do seu mercado as lonxanas datas do século XIV, como é o caso da Vilanova de Sarria, onde xa se documenta a ermida de Santiago do Mercado setecentos anos atrás, pervivindo esa capela ata finais do século XIX, o que leva a situar a Vilanova de Sarria e as súas primeiras edificacións na parte baixa dos alpendres do actual Campo da Feira, mirando cara ao río Celeiro e á Veiga de Farbán. O mercado mantivo o seu emprazamento na zona onde hoxe están os depósitos da auga, e mesmo unha das torres da Fortaleza levaba o nome de Torre do Mercado, sendo unha das que estaban situadas preto da Torre da Homenaxe. Mais adiante, o mercado pasou a se celebrar arredor da igrexa de Santa Mariña, especialmente cando os curas beneficiados empezaron a aforar terreos do igrexario para fraguas (século XVI), dando lugar á aparición da chamada rúa de Ferradores. Feiras do Vinte Sarria non tivo feira ata que en 1820 se creou a do Vinte, na que tamén se celebraba mercado, de maneira que ao mercado semanal dos domingos se engadiu unha nova celebración que axudou á dinamización da vila. En 1860 empézase a falar da ampliación da praza do Mercado, ao tempo que se amplía o campo da feira a conta da metade dos terreos da Fortaleza, operación que rematará andados outros 25 anos, cando se remata a construción do Murallón, pasando así a contar cun espazo ao que se dotou de alpendres, bancos de pedra para a venda e ata un pozo. Cada domingo celebrábase o mercado e na década final do século XIX creouse a Feira do Seis, co que pasan a ser seis as ocasión en que en cada mes os campesiños poden baixar á vila a venderen grao e produtos perecedoiros (verduras, manteiga, untos, pezas de carne salgada ou peixes). Moi axiña empézase a poñer en dúbida a comodidade do mercado ao aire libre e as mesmas condicións sanitarias, razón pola que os concellos dos primeiros anos do século XX manexan a idea de facer unha praza de abastos ( tablajerías , na linguaxe oficial) para o que queren destinar un terreo que o Concello mercara na rúa Maior, debaixo da casa que foi de Manuel Yebra, e onde, sen conseguilo en ningún caso, tentaron tamén facer un local terreo para actos multitudinarios, o cárcere do partido e cantas utilidades se lles antollaban, desaproveitando unha e outra vez ocasión de progreso (xa no século XIX os concelleiros de Sarria destacaban na arte de marear a perdiz, no esbardallo e nas palabras ocas), ata que xunto co Alfonsín do Sal acabaron vendendo o solar ao rexistrador Rodríguez Guerra. Mercado dominical O mercado dos domingos seguiuse celebrando ata os anos 1950, cando se acordou a súa supresión, seguramente pola presión encuberta dos comerciantes e a implantación definitiva do descanso dominical. Dende entón os produtos do campo pasaron a ser ofrecidos de porta en porta e potenciouse que nos días de feira, xa establecidos no 6, 20 e 27, na entrada do campo se instalasen os vendedores de polos, hortalizas e demais produtos do campo, quedando así reducida a oferta a tres días ao mes, se ben a implantación de normas restritivas da comercialización incontrolada están xa a punto de facer desaparecer esa oferta, que se verá, con certeza, substituída pola aparición das tendas bio, se que nos poñemos a apostar pola calidade. E como a vila empezaba a se espallar pola parte baixa, sendo alcalde Modesto Rivas, construíronse as tablajerías (carnicerías no nomeamento popular) na rúa Matías López, seguindo o modelo frecuente, e inapropiado para un clima chuvioso como é o noso, de casetos adosados para a venda de carne e peixe. Tamén foi dotada a instalación dun pozo con bomba mecánica, e déuselle entrada pola rúa Matías López e tamén pola Corga da Alvarediña. Noutras vilas organízanse mercados do mel ou doutros produtos, agora baixo do reclamo ecolóxico, e parece que tampouco a comarca de Sarria está metida neste labor. Como en Sarria xa hai máis de cincuenta anos que se perdeu a tradición dos mercados, co seu peso dinamizador e o paseo integrador, que á beira da igrexa de Santa Mariña se facían, e con complemento do grande mercado de San Lázaro e falla de costume fai imposible a reedición do que fora tradición por máis de seiscentos anos.