Protagonista | Manuel Vila Mañá recibe unha homenaxe nun lugar no que non naceu, pero no que leva media vida e no que se ten comprometido a fondo nos esforzos por melloralo
29 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Manuel Vila naceu en Outeiro, pero leva uns trinta anos en Muimenta e engade que xa estaba preto no espazo e noutras cuestións: «Estas fronteiras son pequenas; practicamente crieime en Muimenta», di. Vila lembra e describe: «Lembro sete ou oito casas. Na miña retina gardo iso. Se nos trasladamos uns anos atrás, había catro ou cinco casas nada máis. Todo o que é Muimenta construiuse noi século XX», engade. O labor de Vila foi amplo neste lugar, xa que participou na creación da feira de mostras (Moexmu), da asociación cultural Iglesia Alvariño e da Sociedade Deportiva Muimenta. Todo iso ocorreu hai unhas dúas décadas, pero as iniciativas seguen en pé. «En poucas vilas se xunta a xente para algo máis que para as festas. Muimenta é unha excepción, os veciños fixérono todo: comprouse terreo para unha área recreativa, Moexmu é froito do traballo dos veciños e conseguiuse crear o colexio», lembra. Vila cre que as vilas que son capitais municipais teñen a vantaxe de que o Concello posúe un papel protagonista, algo que neste caso non ocorre pero que se compensou amplamente: «En Muimenta logrouse entusiasmar á xente»», afirma. Ese espírito colectivo, di, axudou á continuidade de Moexmu, «co difícil que é iso».