En directo | Oficios tradicionais Florencio Omañana, maragato de orixe, xa está xubilado dun oficio que aprendeu co seu pai pero que perfeccionou en La Bañeza antes de chegar a esta provincia
22 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O toneleiro de Rábade facía xa toneis cando casou cunha ferroviaria. Maragato de orixe, Florencio Omañana Reñones abandonou o oficio logo de xubilarse. Un oficio que aprendeu de seu pai anque di orgulloso que onde de verade se especializou foi na tonelería de José Tarandones Franco, situada en La Bañeza (León). «O que máis me gustaba do oficio era vender o tonel e despois cobralo», confesa o toneleiro, engadindo que aínda é o día de hoxe no que lle deben cartos polo seu traballo. Aos seus 74 años, este artesán de Rábade recorda, paso a paso, a maneira de facer un barril de xeito. Advirte neste sentido, que ademais de paciencia, o fundamental é escoller ben a madeira, para o cal sinala que debe ser recta e madeira dura. «A de castiñeiro bravo é a mellorciña», afirma Florencio. Sendo todo o proceso de forma artesanal, emprega a serra eléctrica para cortar e darlle á madeira esa forma romboide que caracteriza aos toneis. A tal, amais doutros pequenos trebellos como os tornos, unha cepilladora ou as aixolas, constitúen todos cantos aparellos emprega este artesán. O resto fano as mans. Ata arrexuntar as doelas Unha vez cortada e ben repasada a madeira, torcidas ao seu xeito as doelas, cómpre xuntalas todas por dentro do aro, evitando que se esborrallen. Ao parecer trátase dun paso moi difícil para calquera principiante, anque xa non tan complicado para quen amorea anos de experiencia como Florencio. «Primeiro colócase un tope pegado aos remaches -sinala o toneleiro de Rábade-, e despois haille que ir arrexuntando, unha a unha, todas as doelas, ata pechar o tonel, sempre termando ben de que non se solten». Agora ben, malia o que puidera parecer tras deste paso, o tonel non queda armado máis que pola súa parte superior, onde a alienación faise a man e case dun xeito natural. Maior dificultade engade pechar a parte inferior, xa que para completar ese proceso fan falta elementos como o lume e mesmo hanse de ter que empregar trebellos como o torno. Xuntas as doelas pola cabeza do recipiente, chega o momento de prender o lume para introducilo dentro do armazón que se está a construír. O poñerlle calor ao recipiente ten como misión obrigar á madeira. Auga ao lume O lume faise cos mesmos refugallos que se xuntan de cortar a madeira. Cando se ve que alampa, entón cómpre botarlle algo de auga coa finalidade de ter ao lume controlado. Con el e mais a axuda de dous tornos, colocados un fronte ao outro a cada lado da parte baixa do tonel -unidos entre si por uns cables-, conséguese vencer a resistencia da madeira. Só así será posible colocar os aros que faltan por poñer. A modo de exemplo, para unha barrica de 100 litros son precisos 6 aros, distribuídos do seguinte xeito: partindo do primeiro, que recibe o nome de aro cabezal, 3 van enriba e outros tantos van apertando a madeira por baixo da barriga que bota o tonel. Os aros, naturalmente, teñen que ir remachados. «Fíxenos sempre a golpe de martelo», explica Florencio. O gargal é unha desas marabillas que nos deixa a tradición, pois non só se trata dun aparello que se parece nalgo ao gramil, senón que, ademais, facer o gargal consiste en realizar un rebaixe lineal na madeira. Neste caso, para sacarlle cabeza ás doelas e posibilitar que asenten alí ámbolos dous fondos do tonel, sen os cales o recipiente non serviría para nada. O paso seguinte consiste en arredondar os dous fondos do tonel, para encaixalos no gargal. É preciso usar o compás e tomar as medidas facendo 6 puntos en círculo. Florencio engade que dá exactamente o mesmo que as medidas se tomen para construír un tonel que para ao mellor facer un bocoi; é dicir, que non cambia que a capacidade sexa de 100 ou de 500 litros. A este respecto, o de Rábade especifica que o seu sempre foi dedicarse aos toneis pequenos cuxa capacidade normalmente non superaba os 200 litros. E di que as facía na súa propia casa. Xa por último, ao toneleiro só lle queda que empregar a aixola para rematar e realizar o chafrán, que vai por riba do gargal. Coa aixola faise como se fora unha machada, lábrase a madeira, anque o utensilio en si semella máis a unha aixada sen o mango longo característico deste apeiro de labranza. A todos estes procesos cómpre, non obstante, engadirlle o parafinado, anque o toneleiro aclara que iso é máis ben cousa dos almacenistas. Talmente, engade Florencio Omaña, o de secar e deixar varios días a madeira con auga, que é algo imprescindible pero do cal non convén abusar moito, advirte. E con isto si estaría xa disposto o recipiente para recibir o bullo da uva.