Moita potencia; para os demais

LUGO

DESDE EL ADARVE | O |

02 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CHAMAN á nosa redacción uns veciños dunha parroquia de Palas de Rei, Albá, molestos porque levan moito tempo sen ter apenas alumeado público nos camiños asfaltados. O mesmo acontece noutras aldeas do mesmo municipio, como San Fiz ou Moredo. O caso é significativo, porque a luz mansa, amarela, escasa, suave, que teñen que padecer os veciños destas parroquias, contrasta cos enormes aeroxeneradores que Unión Fenosa ten instalados no monte Careón, ao pé dalgunhas das citadas aldeas. Ademais, para máis escarnio, os veciños cobran miserias por ter os muíños de vento e máquinas de enerxía en montes que ata hai anos eran improdutivos, pero que grazas ao negocio enerxético pasan a ser imprescindibles para as compañías eléctricas. Foron negociacións á baixa, na que os propietarios dos terreos reciben uns cartos insignificantes ao lado das fortunas que se conseguen hoxe coa enerxía e as opas entre empresas. Falan de cifras que marean, de comisións que se reúnen, de pactos políticos inconfesables e de estratexias que nada teñen que ver co recibo dos consumidores. Porque os veciños das parroquias de Palas, como os de Muras, Guitiriz, Ourol, Chantada, ou onde haxa eses muíños de ventos son prescindibles para as empresas multinacionais como Fenosa, Iberdrola ou Endesa. Os verdadeiramente imprescindibles para estas grandes firmas son os habitantes de Madrid ou Barcelona. Así que, apreciados veciños e lectores de Albá, Moredo ou de calquera parroquia de Lugo que sufra os mesmos avatares (non falo das baixadas de tensión que impiden ordeñar), teñan paciencia e póñanlle unha vela ao santo, porque ao mellor entre moitas velas conseguen ver algo entre as brétemas e chuvias desta Galicia.